Notas de prensa

Investigadoras do CINBIO exploran novas estratexias terapéuticas para pacientes con trastornos do sistema inmune

As citoquinas son unhas proteínas que desenvolven un papel fundamental no noso organismo, pois facilitan a comunicación entre as células do sistema inmunolóxico, garantindo o seu correcto funcionamento e que a resposta inmunitaria sexa a desexada. Un desequilibrio na súa produción podería ser a causa dun desaxuste do sistema inmune, afectando incluso ao desenvolvemento de enfermidades autoinmunes, aquelas nas que o propio sistema inmunolóxico ataca ás células e aos tecidos do corpo.

O coñecemento do funcionamento das citoquinas pode ser, por tanto, fundamental para o posible desenvolvemento de novos tratamentos que melloren a calidade de vida das persoas que sofren este tipo de doenzas.

Partindo desta base nace o proxecto de investigación Magnet-Il-18, coordinado pola investigadora Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina da Universidade de Vigo. A investigación arrancou a principios deste ano e, contando cun orzamento de 75.000 euros, prolongarase ao longo dun total de 18 meses, dentro do ‘Plan Complementario de Biotecnología Aplicada a la Salud’ en Galicia.

Xunto a Verónica Salgueiriño participan no proxecto as investigadoras do CINBIO Laura Maria Salonen, Julia N. Majcherkiewicz, Melodie Maceira Campos e Claudia Román Freijeiro, e a elas súmase tamén persoal investigador do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e do Instituto de Biomedicina de Sevilla (IBIS).

Nanoestruturas magnéticas con aplicacións biomédicas

As nano e microestruturas magnéticas empréganse en biomedicina, en terapia celular e hipertermia magnética para a liberación de fármacos e en técnicas de imaxe. Seguindo esta liña, o proxecto Magnet-Il-18 ten por obxectivo a funcionalización de nanoestruturas magnéticas coa citoquina IL-18 e a súa internalización mediante procesos de endocitose ou mediante internalización forzada magneticamente, co fin de estudar a resposta inflamatoria das células.

“A nosa aspiración”, comenta Salgueiriño, “é correlacionar os resultados obtidos con datos de pacientes con trastornos do sistema inmune, como o VIH, con fin de explorar e presentar novas estratexias terapéuticas efectivas para este tipo de doenzas”. Para isto, as científicas do CINBIO implicadas neste proxecto traballarán na síntese, caracterización e funcionalización das nanoestruturas e nos ensaios celulares.

O proxecto supón para elas “unha oportunidade para traballar nunha contorna de aplicacións biomédicas, enfocándoas á correlación directa de resultados de nanoestruturas e ensaios celulares con datos de pacientes”, subliña Salgueiriño.

Fondos para terapias avanzadas en medicina personalizada

Magnet-Il-18 forma parte do Plan Complementario de Biotecnología Aplicada a la Salud, cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación con fondos da Unión Europea NextGenerationEU; o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e varias comunidades autónomas, entre as que se atopa Galicia. O seu obxectivo principal é o desenvolvemento de ferramentas para o diagnóstico, prognóstico e terapias avanzadas, ou dirixidas, en medicina personalizada.

Universidade de Vigo, 2024-03-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES