Notas de prensa

A XIV edición do congreso El Ojo de Polisemo arranca cunha reivindicación do multilinguismo e as literaturas minoritarias

O congreso El Ojo de Polisemo é un encontro de carácter bienal e itinerante que naceu en 2009 para salvar a fenda que adoita existir entre o mundo universitario e o mundo da tradución profesional. Por primeira vez na súa historia, este ano o simposio recala no noroeste de península, e faino precisamente en Vigo.

O congreso, que busca proporcionar aos asistentes unha panorámica dos procesos que implica a tradución editorial dende o punto de vista de tradutores profesionais, arrancou hoxe xoves e continuará mañá venres, coa asistencia de máis de 100 persoas, entre estudantes, docentes e profesionais deste sector.

Lourdes Lorenzo, directora do Departamento de Tradución e Lingüística, foi a encargada de darlles a benvida aos participantes e agradeceu a todas as partes implicadas na organización por deseñar un programa que comprende “conferencias plenarias de primeiro nivel e unha serie de encontros con tradutores que agardamos que sirvan como punto de conexión entre profesionais, estudantes, docentes, ilustradores, editores... e todo aquilo que rodea a industria do libro”. No acto de apertura, tamén interveu Itziar Hernández, representante da Universidad Complutense de Madrid, entidade organizadora da anterior edición, que puxo o foco na importancia de celebrar esta nova cita dedicada “ás linguas pequenas” nun lugar bilingüe como Vigo “ou como Viggo Mortensen, un danés que fala galego”, comentaba a modo de brincadeira. Neste sentido, Marta Sánchez-Nieves, presidenta de ACE Traductores, lembraba que o tema elixido este ano, Tradución e multilingüismo. Toda literatura es grande en tradución, vén precisamente “polo contexto xeográfico, por estar en Galicia, pero tamén porque na asociación nos embarcamos nun proxecto, Arquipélagos, no que se busca dar voz á diversidade literaria europea, a esas linguas coas que se traballa menos” apostando por un contexto lingüístico e literario “máis rico”. Tamén a concelleira Yolanda Aguiar, que deu a benvida aos asistentes en nome do alcalde, cualificou como “moi simbólico” o feito de ter escollido Galicia e Vigo para falar “de linguas minoritarias e minorizadas”.

Pola súa banda, o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, subliñou tamén o acaído da escolla de Vigo como sede “xusto no ano no que a Facultade de Filoloxía e Tradución cumpre 25 anos” con esta denominación. Montero referiuse na súa intervención á necesaria “complicidade entre as linguas” e á función de intermediación que exercen as e os tradutores e intérpretes para que poida haber convivencia entre idiomas. Finalmente, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, antes de dar por inaugurado o congreso, fixo unha firme defensa da palabra que “serve para levantarnos como seres humanos e para comunicarnos” e que “constrúe mundos”. Tamén puxo en valor o exercicio da tradución, “porque tedes a oportunidade de poñer en sintonía, para que vibren, universos diferentes, creados por diferentes mentes, por diferentes persoas” a animounos a todos e todas “a xogar un papel na construción dun mundo mellor, “máis igualitario e feminista”.

Helena Cortés e o reto da tradución artística

A encargada de impartir a conferencia inaugural foi a tradutora e profesora da Universidade de Vigo Helena Cortés. No seu relatorio falou sobre o reto de traducir literatura e fíxoo a través de exemplos de clásicos alemáns, como El Diván de Oriente y Occidente, de Goethe, por cuxa tradución obtivo o Premio Nacional de Tradución en 2021. Cortés confrontou a tradución artística ou literaria coa tradución instrumental ou técnica, xa que a primeira ten unhas características específicas. Entre elas, a profesora sinalou que no caso dos clásicos, a tradución implica unha “viaxe no tempo” e por iso amosouse favorable a que os clásicos teñan unha tradución nova en cada xeración. Tamén se referiu ao carácter estético da linguaxe e do estilo, “porque moitas veces a forma é o fondo e, se non tentamos reproducila, sería como explicar un cadro en lugar de velo ou resumir un poema en lugar de lelo”. En relación con isto, Cortés recalcou que non basta con traducir ben o contido, porque “a corrección non equivale a unha boa tradución. Cada tradución é unha interpretación única e irrepetible” e por isto considera máis desculpable un erro “que non saber recrear un texto para que teña vida propia, algo que non sexa un calco plano e gris do orixinal”.

Relatorios, mesas redondas e citas rápidas con linguas minoritarias

Unha das actividades máis innovadoras do congreso serán as citas con outras literaturas, unha especie de encontros rápidos que permitirán que as e os asistentes se acheguen a idiomas e combinacións lingüísticas pouco habituais nas facultades e nos simposios deste tipo, como o urdu, o sueco, o asturiano, o polaco ou o éuscaro. Xa pola tarde falarase da Lei de propiedade intelectual e das entidades de xestión, da man de Pedro Sánchez, director do Departamento de Socios do Centro Español de Derechos Reprográficos, Cedro, e das engranaxes do libro, con Rosalía Grandal, correctora; Laura Sáez, editora; e Laura Tolva, ilustradora.

A xornada de mañá comprenderá un encontro profesional con Iria Taibo, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) e Ana González Hortelano, tradutora autónoma e docente, que abordarán as etapas iniciais desta profesión. A partir das 11.00 h haberá un encontro que permitirá escoitar a voz das e dos estudantes e posteriormente terá lugar a segunda conferencia plenaria de man de Alberto Avendaño, xornalista, tradutor e académico correspondente da Academia Norteamericana de la Lengua Española. Pola tarde terá lugar unha mesa redonda sobre o proceso de distribución, os dereitos e o traballo coas librarías.

Ao longo destas dúas xornadas, ademais, as e os asistentes poderán tamén coñecer de primeira man como se xestaron e realizaron as traducións de clásicos como Joyce ou Tolkien; de premios Nobel como Annie Ernaux ou de autorías contemporáneas relevantes coma Andrea Camilleri ou mesmo o Harry Potter de J.K. Rowling.

Unha mesa redonda con premios nacionais de tradución e dúas exposicións

Mentres a parte académica e científica do encontro se desenvolve no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, a organización quixo tamén programar unha serie de actividades que permitisen achegar a cidadanía ao sector da tradución. Esta mesma tarde, o edificio Redeiras acolle unha mesa redonda ás 19.00 horas na que participarán varios profesionais da tradución galardoados con premios nacionais, como Marilar Aleixandre, escritora, tradutora e Premio Nacional de Narrativa 2022; María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo, que obtiveron o Premio Nacional de Tradución 2014 pola versión en galego do Ulises de Joyce, e Moisés Barcia, director de Rinoceronte editora. Ademais, na facultade tamén se pode visitar unha exposición visual de libros traducidos e outra sobre toponimia e humor. Ademais, o sábado, se o tempo o permite, terá lugar un roteiro literario que percorrerá os escenarios do libro de Domingo Villar, O último barco.

O programa do congreso completarase con varias actividades sociais, como a entrega do V Premio de Tradución Universitaria Valentín García Yebra (mañá venres ás 16.45 h) e un recital poético multilingüe de Claudio Rodríguez Fer cun poema traducido a máis de 60 linguas (tamén mañá venres ás 19.00 h).

Universidade de Vigo, 2024-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES