Notas de prensa

Nace na USC unha ferramenta dixital para amosar conexións entre autores da lírica galego-portuguesa

A doutora Déborah González, investigadora do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago -grupo de referencia internacional para os estudos vencellados co patrimonio literario e cultural da Idade Media-, dirixiu a creación do portal web Redes Socioculturais da Lírica Galego-Portuguesa que ofrece información literaria, histórica e biográfica sobre trobadores e xograres, coa posibilidade de visualizar graficamente as conexións entre eles.

A finalidade é amosar as relacións socioculturais e literarias que se establecían na época, o que contribúe a ampliar o coñecemento sobre os autores e as circunstancias de creación e recepción das súas cantigas. O resultado tamén permite ilustrar a vitalidade das cortes literarias onde se propiciou o canto trobadoresco, proporcionando ademais unha ferramenta moi útil para o campo investigador.

Este portal deriva dun proxecto concedido pola Xunta de Galicia e dedicado esencialmente ás tenzóns e aos seus autores. “A tenzón é un tipo de cantiga dialogada entre dous autores. Eran cancións que servían como diversión e entretemento nas cortes medievais, polo que, entre as tenzóns que se conservan, encontramos diálogos xocosos e debates con finalidade claramente lúdica; os diálogos de asunto amoroso son menos frecuentes, aínda que existen exemplos significativos. En xeral, son pezas líricas moi valiosas desde múltiples puntos de vista; entre outros motivos porque, ao seren diálogos, permítennos coñecer contactos entre compositores distintos de maneira fiable, máis alá de favorecer a súa localización nunhas coordenadas cronolóxicas e xeográficas comúns. Estas cancións tamén son relevantes para comprobar quen debate con quen, sobre que temas e en que circunstancias” -explica Déborah González-. Ademais, a investigadora está a avanzar nunha edición crítica anotada destes textos.

O aspecto máis novidoso desta iniciativa é que as redes están representadas graficamente e pódese navegar a través dos nomes dos trobadores e xograres de maneira cómoda e dinámica. Así, pode consultarse unha representación xeral da rede social e, no seu interior, seleccionar un trobador ou xograr determinado para ter información máis concreta. Neste sentido, pode consultarse a rede social dun autor e ter acceso aberto a datos completos de tipo histórico, biográfico e literario. A maior parte ten unha orixe galega ou portuguesa, aínda que tamén participaron autores casteláns e, máis ocasionalmente, doutras procedencias. Unha radiografía sobre os seus contactos e os intercambios literarios que estableceron é fundamental para pór en valor este patrimonio.

Ciclos literarios satíricos

“Non obstante, a rede social dos nosos trobadores e xograres foi moito máis complexa e existen outros textos e indicios que nos permitirán ampliar, en fases sucesivas, a investigación” -sinala a experta-. Nesta liña, na actualidade está a desenvolver un proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades con fondos UE-NextGeneration, que ten como finalidade estudar estas relacións a través das cantigas de escarnio, que permiten estimar outro tipo de diálogo e de conexións; igualmente son de interese os ciclos literarios satíricos, constituídos por textos de varios autores nos que estes satirizan un individuo, como acontece coa célebre María Pérez Balteira, protagonista dun destes ciclos, ou denuncian un acontecemento histórico determinado, polo que tamén acadan relevancia desde unha perspectiva socioliteraria.

En definitiva, a través de diferentes categorías de relación analizadas e incorporadas ao portal progresivamente, a investigadora da USC busca “avanzar nunha representación cada vez máis completa, exacta e nítida das redes socioculturais e literarias da nosa lírica medieval”.

As novas tecnoloxías, un bo aliado

“Parecíame imperativo traballar na confección dunha ferramenta dixital -claramente innovadora no terreo dos estudos medievais galego-portugueses- que facilitase a divulgación dos resultados en acceso aberto, tendo en consideración o pulo tecnolóxico que nas últimas décadas transformou o xeito en que a sociedade le e percibe os textos, así como os procedementos e hábitos na procura de información e análise por parte dos investigadores en Humanidades” -manifesta Déborah González-. Apunta que a través desta proposta búscase unha divulgación máis aberta, amigable e accesible tanto para especialistas en lírica medieval como para persoas que están en formación e tamén para un público xeral con interese na materia.

A experta salienta que “máis alá do xograr Martín Códax, probablemente o autor máis coñecido entre o gran público, sábese da existencia de algo máis de 150 autores da nosa lírica, algúns deles moi destacados pola importancia da súa obra e que deben poñerse en valor. Temos un patrimonio literario medieval do que podemos sentirnos moi orgullosos. Ademais, penso que a dificultade que poida ter a literatura medieval, por efecto da lingua e do emprego duns códigos culturais diferentes dos actuais, non significa que a sociedade galega actual non amose sensibilidade e aprecio por aspectos da súa historia literaria e cultural. Sen dúbida, o que se fai necesario é empregar formas e medios de comunicación máis accesibles a todos os públicos”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-03-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES