Notas de prensa

CAPRIF-CC dá os seus primeiros pasos a prol da activación económica do rural en Galicia e Asturias

O proxecto CAPRIF-CC ‘Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático’ traballará durante case dous anos en prol da activación económica de zonas rurais do noroeste da Península Ibérica. En concreto, perséguese a dinamización laboral no ámbito forestal e nos usos multifuncionais do monte en Galicia e Asturias. O consorcio no que participa a USC a través da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal (FCEER) acaba de desenvolver a súa xuntanza de lanzamento.

Nela constituíuse o comité científico con persoal investigador das universidades galegas que actuará en servizo das comunidades rurais do proxecto.

Así, CAPRIF-CC abordará a conservación de ecosistemas forestais biodiversos, resilientes e adaptados ao cambio climático mediante prácticas de selvicultura próximas á natureza e prácticas de restauración adaptativa nunha contorna de co-creación participativa. Outra das cuestións sinaladas na folla de ruta do proxecto consiste no impulso de modelos de planificación e xestión forestal innovadores que incorporen os obxectivos de adaptación ao cambio climático e de fomento da biodiversidade.

O consorcio tamén tratará o fomento da cohesión social e a gobernanza participativa na xestión forestal sostible e a conservación da natureza, promovendo a constitución dunha Rede que facilite o intercambio e a replicabilidade de experiencias exitosas no incremento da calidade de vida e a xeración de riqueza para as poboacións locais. A implementación de modelos de economía verde e actividades xeradoras de externalidades positivas relacionadas coa xestión forestal sostible a través de inversións privadas que consideren a valoración económica dos servicios ecosistémicos e sistemas de pago que viabilicen a xestión e a restauración forestal activa cun enfoque de biodiversidade, auga e prevención de incendios, será outra das cuestións abordadas.

Para acadar os obxectivos formulados e para promover un aproveitamento multifuncional e sostible, o proxecto CAPRIF-CC persegue a implicación dos axentes de toda a cadea de valor forestal e fomentará, especialmente, aqueles aproveitamentos que xeren unha maior e mellor protección do territorio tanto fronte a incendios forestais, como resilencia fronte ao cambio climático. A creación dunha rede de ‘Living-Labs’ de innovación aberta, a identificación dos actores relevantes en eidos chave para o proxecto, a elaboración de mapas de talento, visitas de campo, sesións formativas e/ou participativas para a co-creación, aproveitando tamén tecido de redes, conforman o núcleo das actividades do CAPRIF-CC.

O proxecto CAPRIF conta coa participación da Fundación Juana de Vega (FjdV), a Fundación CEER (FCEER), A Fundación Montescola, a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), e CETEMAS (Centro Tecnológico y Forestal de la Madera). O proxecto recibe o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-02-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES