Notas de prensa

A UVigo rende homenaxe á memoria de Antía Cal no centenario do seu nacemento

'Antía Cal, unha mestra innovadora'. Este é o título da exposición que se inaugura o venres no edificio Redeiras e coa que a UVigo quere render homenaxe a quen foi precursora da escola do século XXI, a pedagoga e profesora Antía Cal, falecida en Moaña en marzo de 2022. Comisariada pola docente e investigadora Silvia García, a exposición quere contribuír ao recoñecemento do traballo e á memoria do percorrido vital e pedagóxico de quen achegou unha nova forma de ensinar.

A inauguración será ás 19.00 horas e contará coa participación do reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e a propia comisaria.

A través de diferentes tipos de contidos, as persoas que visiten a mostra poderán coñecer a historia de Cal, “unha mestra que naceu na Habana, no seo dunha familia procedente de Muras, que se formou no centro Concepción Arenal e que regresou coa súa familia a Galicia, con nove anos cumpridos”, tal e como se lembra no propio texto de presentación da exposición. Foi “unha filla da emigración” que estudou o Bacharelato nos anos de chumbo da Guerra Civil, e a carreira de Filosofía e Letras en plena posguerra, despois de lograr o título de mestra e o de Comercio, e seguiu estudando pola súa conta, lendo e aprendendo. “A súa é unha historia de tenacidade e pequenas audacias que se materializa na creación dun colexio pioneiro: a Escola Rosalía de Castro, en Vigo. Todo comezou en 1961, cando abriu un pequeno colexio na rúa Pizarro; logo construiría un edificio específico na Gran Vía de Vigo e en 1974 o colexio mudaríase para un novo local na parroquia de Bembrive”.

Tal e como explica a comisaria da mostra, en pleno franquismo Antía Cal tivo a audacia de crear unha escola na que as clases se impartían en castelán e inglés, pero na que a lingua galega estaba moi presente, nos nomes das aulas, nas referencias históricas, nas cancións… “Era a lingua da familia de Antía, «Tita», e iso era unha novidade para moitas das familias acomodadas que levaban os seus fillos e fillas ao colexio”. Era un ambiente educativo no que se poden rastrexar as influencias de Montessori, Pestalozzi ou Decroly e no que o contexto galego estaba moi presente.

Vídeos e libros, parte importante da mostra

Os vídeos son parte fundamental da exposición, incluíndose desde unha peza con algunhas das entrevistas nas que Antía explica o seus traballos no colexio, as súas conviccións educativas e as súas descubertas didácticas ata outro no que aparece o enorme ficheiro (“eran tres mobles con máis de 5000 fichas”) no que organizaba documentación (“sobre todo de prensa”) relacionada cos conceptos que as alumnas e alumnos traballaban nas clases. “Buscando nas fichas podían descubrir documentación sobre a chegada do home a lúa, ou sobre a casa-museo de Rosalía de Castro ou reproducións de obras de Picasso”, explica García.

Xunto aos vídeos, os libros que escribiu son tamén unha parte importante da mostra. Por unha banda, O libros dos nenos, co que gañou o premio Lar de Caracas e A Arte e a súa Historia, que asina con Antón Beiras, “o oftalmólogo galeguista co que casou e co que tivo catro fillos, e que animou e apoiou, de forma decidida, o proxecto pedagóxico de Tita”.

Ata o 22 de marzo

A mostra, organizada coa colaboración da Asociación Cultural Líncora-Alemparte e coproducida pola Dirección Xeral de Política Lingüística, poderá visitarse ata o 22 de marzo na sala de exposicións do edificio Redeiras de luns a venres en horario de 09.00 a 21.00 horas.

Universidade de Vigo, 2024-02-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES