Notas de prensa

Un equipo do CiQUS e do CSIC desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

Moitas terapias utilizadas para combater o cáncer, ademais de producir numerosos efectos secundarios, non conseguen a remisión completa do tumor, en parte debido á presenza de células nai de cancro, que son difíciles de eliminar. Estas células poden autorrenovarse e xogan un papel crucial na recidiva do tumor e nos procesos de metástase, por iso existe un grande interese en desenvolver terapias dirixidas a este subconxunto de células tumorais.

Agora, unha colaboración entre o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e do Instituto de Investigacións Biomédicas Sols-Morreale (IIBM CSIC-UAM) permitiu descubrir un tipo de compostos químicos que actúan sobre as células nai de cancro, diminuíndo o seu potencial para xerar tumores. O equipo está liderado polo profesor da USC José Luis Mascareñas xunto a biólogos celulares do CSIC coordinados por Bruno Sainz.

Dende hai uns anos, o laboratorio do profesor Mascareñas desenvolve investigación básica arredor de determinadas moléculas baseadas en complexos metálicos que son capaces de interaccionar de forma moi selectiva con ADN. Estes achados permitiron ao grupo do doutor Sainz realizar estudos máis extensos con ratos implantados con tumores de pacientes, que demostran un potente efecto antitumoral destes complexos. Os científicos conseguiron demostrar efectos anticáncer en tumores de páncreas, colorrectais e osteosarcoma, con pouca toxicidade secundaria. Actualmente estanse levando a cabo estudos sobre outros tipos de cancro.

Talón de Aquiles

As células nai de cancro dependen da respiración mitocondrial para sobrevivir e evadir as defensas do sistema inmune, o que —a nivel metabólico— representa un talón de Aquiles. Estudos mecanísticos levados a cabo nesta ocasión suxiren que o novo composto, denominado Ru1, “promove un descenso na expresión de xenes necesarios para a devandita respiración, fonte de enerxía principal destas células, co que perden o seu potencial canceríxeno”, relatan dende o equipo investigador.

O grupo do doutor Sainz demostrou ademais que é posible realizar terapias combinadas con outros axentes antitumorais, co que se conseguen efectos aditivos. Os resultados preliminares do traballo científico, que tamén inclúe contribucións do grupo ACUIGEN da USC, acaban de ver a luz no Journal of Experimental & Clinical Cancer Research. Todo estes estudos puideron realizarse grazas ao apoio de diferentes entidades, incluíndo o programa Ignicia da Xunta de Galicia, a Asociación Española Contra o Cancro ou o programa CaixaImpulse da Fundación "la Caixa". O proxecto atópase nestes momentos nunha fase avanzada para a súa transferencia e valorización preclínica.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-01-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES