Notas de prensa

A plataforma internacional Ventura, do Festival Internacional de Cine de Tui, anuncia o palmarés da súa segunda edición

O proxecto A Mão, de Alexander David, foi o gañador do Premio Ventura de 10.000 euros. Os cineastas Athina Rachel Tsangari, Valérie Massadian, Óscar Vincentelli e Eloy Enciso fixéronse cos premios de distribución e servizos ofrecidos polos socios e colaboradores de VENTURA, a nova plataforma de formación, desenvolvemento e coprodución con sede en Tui.

O xurado, que estivo integrado polo realizador portugués João Pedro Rodrigues, o produtor español Lluís Miñarro e a programadora belga Juliette Duret, destacou a extraordinaria calidade da selección e outorgou os seguintes galardóns:

O Premio VENTURA, consistente en 10.000€, foi para A Mão, dirixido por Alexander David e producido por André Gil Mata (Portugal).

O Premio Cinemar Films, que inclúe unha semana de servizos de mestura de son en 5.1, foi para Todo es cárcel, dirixido por Eloy Enciso e producido por Marina Perales e Fran Ruvira (España).

O Premio VFX - Cormorán, consistente en 20 horas de traballo en efectos visuais, foi para Se van sus naves, dirixido por Óscar Vincentelli e producido por Elisa Celda (España).

O Premio NUMAX, que consiste na creación dun DCP segundo a norma DCI, foi para Anoush et les Vagabonds, dirixido por Valérie Massadian e producido por Sophie Erbs (Francia).

Os premios de distribución, outorgados polos responsables das empresas Atalante (para o territorio español) e Filmgarten (para o territorio austríaco), foron en ambos os casos para Three Serious Ladies, dirixido e producido por Athina Rachel Tsangari (Grecia).

A entrega dos premios marcou o peche da terceira e última etapa das actividades propostas nesta edición de VENTURA, que incluíu, ao longo de varios meses, tres distintas fases no seu programa de formación.

A primeira etapa, que tivo lugar entre o 11 e o 15 de decembro de 2023, consistiu en un programa de formación profesional en liña destinado aos produtores dos cinco proxectos nacionais seleccionados.

Na segunda etapa, que se realizou entre o 15 e o 19 de xaneiro, os directores deses proxectos tomaron parte nunha residencia de escritura intensiva a cargo do cineasta arxentino Mariano Llinás. «Contrariamente ao que tende a suceder, a todos serviunos moito para deconstruir nosas propias certezas con respecto ao cinema. E está bo que iso suceda porque en xeral as residencias adoitan ser o contrario, instancias máis disciplinarias ás que a xente vai para que lle digan que teñen que facer para que as súas películas entren en determinados mercados,» explica Llinás.

A terceira e última etapa desenvolveuse do 19 ao 22 de xaneiro, durante dúas xornadas de traballo intensivas na que todos os participantes puideron presentar os seus proxectos ante o xurado internacional e un selecto grupo de profesionais da industria audiovisual nacional e internacional.

Os 10 proxectos seleccionados de entre máis de trescentas candidaturas, que participaron nesta segunda edicion foron:

A Mão, dirixido por Alexander David e producido por André Gil Mata; Anoush et les Vagabonds, dirixido por Valérie Massadian e producido por Sophie Erbs; Ari (Harakune), da directora Maider Oleaga; Impossible Scénario, la Mort de Virgile dirixido e producido por Mitra Farahani; La mala gent, dirixido por Amat Vallmajor e producido por Julieta Juncadella e Silvia Cruz; Mer, Étoile, Femme, dirixido por Jeunghae Yim e producido por Helen Olive e Martin Bertier; Querer vivir un grito dirixido por Diana Toucedo e producido por Alba Sotorra e Andrea Vázquez; Se van sus naves, dirixido por Óscar Vincentelli e producido por Elisa Celda; Three Serious Ladies, dirixido e producido por Athina Rachel Tsangari e Todo es cárcel dirixido por Eloy Enciso e producido por Marina Perales e Fran Ruvira.

VENTURA é un proxecto organizado por Play-Doc, Festival Internacional de Cine de Tui e financiado coa axuda da Unión Europea – NextGenerationEU, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuais (ICAA) e o Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, e conta coa colaboración do Concello de Tui.

Festival Internacional de Cine de Tui, 2024-01-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES