Notas de prensa

As tres Universidades e a Xunta modernizarán infraestruturas e servizos nos sete campus

Os reitores das tres universidades públicas galegas, Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo) asinaron este luns 27, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, dous convenios de colaboración para apoiar a dixitalización e mellora das infraestruturas das tres institucións académicas.

O primeiro deles supón a primeira inxección do novo Plan de infraestruturas para renovar e construír facultades e centros; mentres que o segundo convenio, incluído na folla de ruta de financiamento, está dirixido a apoiar a dixitalización e mellora da sostibilidade das instalacións.

“Este é un convenio importante e especial porque o plan de financiamento cubre as necesidades ordinarias do funcionamento diario das universidades pero existen outras que non se poden cubrir como é o caso das infraestruturas”, explicou Antonio López, en relación ao primeiro dos convenios asinados este luns. O novo Plan de infraestruturas é a xuízo de Antonio López “unha peza fundamental no financiamento do sistema universitario do SUG”, do mesmo xeito que tamén é crucial o acordo en materia de dixitalización.

Tal e como explicou o responsable autonómico de Educación, estes acordos van permitir “modernizar os servizos e instalacións dos sete campus para consolidar a excelencia e calidade destas institucións”. “Os galegos temos que estar orgullosos das nosas universidades e do traballo feito na última década, pero a nosa obriga e seguir unindo esforzos cun obxectivo común: ofrecer aos estudantes as mellores condicións para o seu desenvolvemento económico e persoal”, salientou Román Rodríguez.

No caso concreto da Universidade de Santiago de Compostela, a achega centrarase en proxectos como a construción do novo centro de Ciencias da Saúde, a reforma da Facultade de Medicina e Odontoloxía, a reforma integral da Facultade de Química e a reorganización, reforma e ampliación do Complexo Docente do Campus de Lugo.

O primeiro deles será un complexo enerxeticamente eficiente que acollerá os estudos de Enfermaría, Farmacia, así como investigación en Ciencias da Saúde. A actuación do Campus de Lugo, pola súa banda, inclúe a reorganización, reforma e ampliación do Complexo Docente para acoller a Facultade de Formación do Profesorado e a de Humanidades, ademais das escolas de Enfermaría e Relacións Laborais. Esta actuación complétase cun pavillón para a docencia de educación física, así como outras dependencias específicas.

Tamén está prevista a actualización do repositorio institucional Minerva para facilitar a difusión dos artigos, teses e demais formatos ou a implantación dun módulo específico para a xestión de recursos humanos da investigación que permitirá incorporar a información específica dos contratos de investigación á xestión xeral de recursos humanos.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-11-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES