Notas de prensa

A Sala Alterarte de Ourense arranca a súa actividade cunha exposición “de abstracción radical” de catro artistas ourensáns

O espazo expositivo do campus de Ourense, a Sala Alterarte, arrancou este xoves a programación do curso 2023/2024 coa exposición Clinamen. Catro propostas de abstracción radical. A mostra, comisariada por Manolo Figueiras, conta con obras dos artistas ourensáns Alejandro Caporale, Antonio Fernández Seoane, María Puertas e Antonio Soria Rocafort.

Con ela arranca tamén a coordinación desta sala a cargo do artista e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Javier Blanco Sierra, que desenvolverá ao longo deste curso académico o ciclo expositivo Recipro-Edadic. Na presentación da mostra, á que tamén asistiu Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, subliñouse que nesta nova etapa de Alterarte buscarase potenciar a súa “permeabilidade” coa contorna.

Clinamen, explican desde a súa organización, foi o nome que o filósofo Lucrecio, seguindo as teorías de Epicuro, propuxo para nomear “a impredicible desviación que experimentan os átomos e que constitúe unha moi temperá achega ao problema do libre albedrío, asunto capital na filosofía moderna e contemporánea”. Xogando con este significado, é tamén a palabra escollida como título para esta mostra que, apuntan, reúne a “catro artistas nacidos ou vencellados a Ourense e que veñen desenvolvendo a súa actividade desde as últimas décadas do século XX e as primeiras do XXI”. Ademais os catro comparten na súa traxectoria creativa o feito de "ver na pintura unha vía de expresión prioritaria e compaxinar ou alternar as linguaxes abstractas coas figurativas", cada un cun estilo diferenciado. Todos e cada un deles, engaden, teñen levado a cabo nalgún momento da súa traxectoria "propostas de abstracción radical que esta mostra pretende someramente rexistrar".

Propostas diversas

As obras expostas están en sintonía coa traxectoria de cada un dos seus creadores. Alejandro Caporale (La Plata, 1972) comezou a súa andaina artística explorando as posibilidades do gravado e a estampación calcográfica (en estreita conexión co campo da fotografía no que posteriormente centrou a súa actividade), traendo a Alterarte obras realizadas con diferentes materiais, como redes e listóns. Pola súa banda, Antonio Fernández Seoane (Ourense, 1973) ten formación académica no campo da filosofía e para el, xunto coa pintura, a escritura constitúe unha vía de expresión e comunicación esencial. Como pintor, é autor fundamentalmente de cadros figurativos de gran formato, grandes frescos alegóricos nos que a linguaxe realista deriva en fortes efectos de irrealidade ou estrañeza. María Puertas (Ourense, 1973) é unha artista fundamentalmente centrada na práctica da pintura, o debuxo e o gravado e tamén ten realizado ocasionais incursións no campo da ilustración, traballando gran parte da súa obra a idea de casa. Por último, Antonio Soria Rocafort (Alcalá de Henares, 1953) é, dos catro, “o de máis longa traxectoria no tempo e o que quizá con maior reiteración ten practicado a alternancia figuración-abstracción”. Na súa obra figurativa, sinalan desde a mostra, “hai sempre unha fonda intencionalidade simbólica que con frecuencia se materializa en forma de alegorías nas que queda de manifesto o seu interese pola mitoloxía, a historia antiga e a psicoanálise".

Universidade de Vigo, 2023-09-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (camino-cunchas.jpg) O Camiño de Santiago bateu un novo récord ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano, que adoita ser a principios de xuño. A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido. Esta cifra enmárcase dentro da boa tendencia desta ruta de peregrinación, que en 2023 xa bateu os rexistros históricos a pesar de non ser Ano Santo. Cómpre destacar que esta ruta de peregrinación está cada vez máis desestacionalizada e diversificada. De esta maneira, a afluencia de peregrinos segue medrando fóra de tempada alta; e que cada vez hai un reparto máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. Así, se en 2004 o resto de rutas que non eran o Camiño Francés representaban só o 24% dos peregrinos, agora esa cifra incrementouse ata o 53%.
Foto de la tercera plana (videnda-igvs-02.jpg) A Xunta de Galicia vén apostando durante os últimos anos pola rehabilitación de inmobles residenciais, ofrecendo medidas directas para reforzar o parque público de vivendas, pero tamén concedendo diversas axudas económicas, tanto a particulares como a comunidades de veciños e entidades promotoras. Dentro destas liñas de actuación, en abril de 2019 aprobouse a que foi a primeira Lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que promovía a recuperación e rehabilitación do patrimonio xa construído.

Notas

A resolución de problemas asociados á alta xeración de residuos agrícolas e forestais, que se acumulan cada vez en maior medida debido ao abandono do medio rural e que causan unha gran cantidade de incendios. Con este obxectivo lanzouse na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o proxecto europeo Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables (Newpower). Liderado desde a Universidade de Vigo e cun orzamento total de 1,3 millóns de euros, aúna once socios de Portugal, Francia e España.
A Xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos, organizada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, a través do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, amosou múltiples aplicacións que se abren co uso dos videoxogos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES