Notas de prensa

O campus de Ourense cumpre 50 anos de historia

Aínda que a súa constitución como campus de Ourense da Universidade de Vigo produciuse en 1990, a súa orixe está no Colexio Universitario de Ourense, que en 1973 arrancou, adscrito á Universidade de Santiago de Compostela, a súa actividade docente impartindo catro titulacións e cunha comunidade universitaria formada por 204 estudantes, once docentes e tres administrativos. Ese antigo colexio universitario foi evolucionando ao longo dos anos ata conformar o que hoxe é este campus.

“50 anos de historia representan un orgullo e unha ampla bagaxe que queremos celebrar. É o froito do traballo ao longo destas décadas de moitísima xente, tanto de persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos como alumnado. Tamén foi imprescindible para chegar ata aquí o compromiso das institucións e da sociedade”, sinala Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense. Na actualidade, subliña o responsable académico, “temos un campus extraordinario, motor desta provincia, que é unha realidade grazas ao esforzo de moita xente e entidades”.

Inicios nun edificio no Xardín do Posío

O Colexio Universitario de Ourense, constituíse, adscrito á Universidade de Santiago de Compostela, polo Decreto 2535/1972, de 18 de agosto, no marco da creación en España destes colexios á luz da Lei Xeral de Educación de 1970, que tentaba, como lembra o historiador e catedrático emérito da UVigo Jesús de Juana “quebrar o monopolista privilexio educativo superior das clases medias-altas e altas”. A posta marcha deste colexio, lémbrase na publicación editada pola Universidade de Vigo cando se celebrou o 40º aniversario do campus de Ourense, fíxose tras a sinatura dun convenio de colaboración económica entre, por unha banda a Deputación Provincial de Ourense, a Caixa de Aforros Provincial de Ourense e Concello de Ourense e, por outra banda, a Universidade de Santiago. “Por acordo de ambas partes retrasouse o inicio das actividades docentes ata o curso 1973-74, no que se implantaron os primeiros ciclos das licenciaturas de Química e Bioloxía, o primeiro ano de Farmacia e Xeografía e Historia”, lémbrase na publicación. O profesor Francisco Guitián Ojea, catedrático de Edafoloxía na USC, foi nomeado primeiro director deste colexio universitario.

O convenio de colaboración incluía o compromiso da construción, no prazo máximo de seis anos, dunha sede axeitada para albergar o colexio pero por mor da imposibilidade de tela disposta para o inicio do curso a Caixa de Aforros de Ourense ofreceu de xeito provisorio un edificio da súa propiedade, que fora proxectado para albergar a Escola de Secretarias e o Club de Xubilados, e que estaba situado fronte ao Xardín do Posío, na rúa Progreso. Na citada publicación do 40 aniversario lémbrase con humor como, con retoques, a prevista cafetaría converteuse nun laboratorio de Química ou a cociña no laboratorio de Bioloxía. Tras os sempre difíciles inicios, ano a ano fóronse implantando os diferentes cursos de cada titulación e fíxose cada vez máis necesaria unha nova ubicación.

Un novo escenario desde 1989/1990

Un momento decisivo nestes 50 anos de historia é a elaboración en 1989 dun novo mapa educativo en Galicia, recollido na Lei 11/1989, de 20 de xullo, e no Decreto 3/1990, do 11 de xaneiro, de segregación dos centros e servizos da Universidade de Santiago e a conseguinte creación das universidades da Coruña e de Vigo, cos seus respectivos campus. Así, a Universidade de Vigo constitúese formada polos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. Tal e como lembra Jesús de Juana (que foi o primeiro vicerreitor do campus de Ourense), no libro XXV Años de la Universidad de Vigo, “ata que veñen estes novos tempos, os mozos ourensáns que querían facer estudos universitarios na súa cidade só podían elixir entre o Colexio Universitario, que se ubicaba nun edificio da Caixa de Aforros no Xardín do Posío, e no que se impartía o primeiro ciclo (os tres primeiros anos de carreira) de Química, Bioloxía, Farmacia (1º), Pedagoxía, Psicoloxía e Xeografía e Historia; Maxisterio, na Escola Normal da Ponte, e Empresariais, na escola adscrita que financiaba a Deputación e que se atopaba no segundo pavillón do Antigo Hospital nas Lagoas”. O decreto de segregación inclúe como centros propios do campus de Ourense o Colexio Universitario, o seu xermolo, e tamén a E.U. Formación do Profesorado de E.X.B. (Maxisterio) e a citada E. U. Empresariais.

Tamén en 1989 produciuse finalmente o traslado do Colexio Universitario de Ourense ás actuais instalacións do campus de Ourense na zona das Lagoas, onde xa estaba desde o curso 1986/1987 a Escola de Empresariais nun dos pavillóns do antigo hospital provincial. Fíxose tras a construción do chamado Edificio de Facultades ou Edificio de Ferro, con financiamento da Deputación e do Concello de Ourense e nun solar deste antigo hospital. Case unha década despois, en 2000, trasladouse desde A Ponte a este mesmo edificio Maxisterio.

Presente

A partir de entón, o campus de Ourense da Universidade de Vigo continuou evolucionando e incorporando paulatinamente novas facultades e escolas, titulacións, servizos e tamén espazos na zona das Lagoas. Así, na actualidade conta con nove centros, como son as facultades de Historia; Ciencias da Educación e Traballo Social; Ciencias; Dereito; Relacións Internacionais e Ciencias Empresariais e Turismo; as escolas de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e o centro adscrito da Escola Universitaria de Enfermaría. Neles impártense 19 titulacións de grao, 18 de mestrado e sete programas de doutoramento. A comunidade universitaria deste campus está formada por arredor de 4800 estudantes e a cifra de persoal docente e investigador ascende a 344 persoas; a de persoal investigador a 137 e a de persoal de administración e servizos a 112. Para tarefas de docencia e investigación conta cunha zona universitaria na que ademais dos pavillóns dos antigo hospital de Ourense se construíron ao longo destas décadas os edificios de Ferro, Politécnico, Xurídico-Empresarial, Campus Auga, ademais da biblioteca e a residencia universitaria, a escola infantil e as diversas instalacións deportivas, estando na actualidade abordando a súa ampliación.

Universidade de Vigo, 2023-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES