Notas de prensa

A escavación arqueolóxica da necrópole medieval do Combarro achegará luz sobre a Alta Idade Media galega

Un equipo da USC acometerá a escavación arqueolóxica da necrópole medieval de San Vicente de Trigás, no lugar do Combarro, pertencente ao Concello de Mondoñedo. A intervención permitirá comprender mellor distintos aspectos das sociedades e da economía na Alta Idade Media a través dun estudo interdisciplinario formado por especialistas en arqueoloxía, antropoloxía e historia medieval.

O obxectivo da intervención será delimitar a necrópole, documentar as tipoloxías das tumbas, así como realizar as análises correspondentes sobre os restos óseos que subministrarán información sobre condicións de vida, alimentación, enfermidades ou mobilidade das persoas alí enterradas.

à fronte desta investigación atópase o profesor en arqueoloxía medieval na USC, José Carlos Sánchez Pardo, pertencente ao grupo SÃNCRISIS da Facultade de Xeografía e Historia, quen subliña que esta é “unha necrópole singular na que a boa conservación dos restos óseos permitirá comprender os procesos sociais e económicos que estaban a ocorrer arredor da Idade Media na zona norte de Galicia”. “A necrópole, escavada parcialmente polo arqueólogo Abel Vigo, ten moito que dicir sobre as dinámicas sociais dos grupos que menos representados están nas fontes escritas”, engade.

Cronograma

Os traballos desenvolveranse entre o 1 e o 14 de agosto en colaboración coa empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos, e co Concello de Mondoñedo. O arqueólogo municipal Abel Vigo, colaborador do proxecto, e o veciño Miguel Chao, dono dos terreos onde se atopa a necrópole e descubridor da mesma, explicaron nunha xuntanza recente ao equipo da USC, que se desprazou ata Mondoñedo, como foi a intervención de urxencia do ano 2013. Durante o transcurso desta reunión elaborouse un plan de estudo que permitirá levar a cabo a escavación que está a piques de iniciarse.

A actuación contará cun grupo de investigadoras e investigadores asociados á arqueoloxía medieval galega. “Nesta fase da investigación realizaranse tres sondaxes ampliables que permitirán delimitar a área de enterramento dos individuos”, comenta a arqueóloga Celtia Rodríguez González, doutora en arqueoloxía medieval e directora da intervención. “A delimitación e documentación de todo o conxunto funerario será fundamental para as futuras fases do proxecto que permitirán coñecer dunha maneira interdisciplinaria como eran e como se relacionaban estas persoas que viviron na época medieval no norte do territorio de Galicia”, matiza.

De igual modo, nesta investigación tamén estará presente Laura Blanco Torrejón, co-directora en campo e doutora en necrópoles altomedievais “A necrópole de Combarro é un bo exemplo para analizar as tumbas delimitadas por laxas que se documentaron en sepulturas vinculadas á Alta Idade Media no territorio”, explica.

O estudo desta necrópole contará co bioarqueólogo galego Patxi Pérez Ramallo, quen xa elaborou un informe preliminar sobre a muller atopada nesta necrópole na escavación de urxencia dirixida por Abel Vigo. “A muller tiña uns 35-45 anos, e presentaba desgaste dental, o cal parece indicar que a súa dieta baseábase sobre todo na inxesta de cereais como o millo”, indica o bioarqueólogo da Universidade do País Vasco.

O equipo técnico tamén contará con investigadores e arqueólogos asociados á empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos cunha ampla experiencia neste tipo de contextos funerarios. “Esta intervención é unha oportunidade para coñecer o pasado medieval aproveitando a boa conservación dos restos óseos”, comenta Franciso Alonso Toucido, doutor en arqueoloxía medieval e xestor da empresa.

Esta intervención vincúlase ao proxecto ‘Ecoloxías e economías locais na Alta Idade Media’ (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación ‘Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval’ (ARPAMED) financiado pola Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do ‘Plan Nacional Xeración de Coñecemento 2020’.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-07-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES