Notas de prensa

Os retos e desafíos dos municipios de menor poboación centraron o V Congreso da Rede Localis

Santiago de Compostela acolleu a celebración do V Congreso da Rede Localis, xestionada polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo. A cita reuniu a especialistas, principalmente do eido académico e da administración, para abordar os retos e desafíos dos municipios de menor poboación tendo en conta que as “as entidades locais atravesan, sen dúbida, por un momento crucial” ante a caída demográfica.

A actividade realizouse no marco da Cátedra de Bo Goberno Local, da Universidade de Vigo e a Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

O congreso, que tivo lugar no Hotel Oca Porta do Camiño, celebrouse co obxectivo de suscitar a reflexión e a análise sobre as necesidades de futuro destes núcleos e xerar un debate sobre as ferramentas para garantir que esas poboacións non queden excluídas da rede de servizos básicos. Durante os dous días de celebración, explica Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e co-director, xunto a Concepción Campos, desta Rede Localis, realizouse unha “intensa actividade de transferencia de coñecemento, desde una perspectiva multidisciplinar, en especial desde o ámbito administrativo e económico, sen esquecer a vertente xeográfica e demográfica e sempre desde una dobre óptica: a académica e a práctica de profesionais do mundo local”. Ao longo das sesións, detalla, “entre outras cuestións explicouse como existen dúas realidades diferentes ao redor dos procesos migratorios en España”, como son un incremento do número de habitantes ao redor das áreas urbanas e periurbanas fronte á acentuación da perda demográfica dos municipios menos poboados, especialmente no ámbito rural, e a conseguinte perda económica municipal. Esta redución de capacidade económica, sinala, “tradúcese en menores dotacións de servizos públicos locais e/ou da súa calidade, o que pode derivarse nun éxodo poboacional”.

Ademais, no congreso, resume Alberto Vaquero, debateuse sobre que medidas que se deberían levar a cabo para garantir a viabilidade dos municipios de pequeno tamaño sobre todo no medio rural. “Tamén se expuxo cal debe ser o papel das deputacións provinciais neste proceso para axudar aos municipios máis pequenos e sobre todo na necesidade de coordinar as medidas no tres niveles administrativos: estatal, autonómico e local”, indica o profesor da UVigo. Finalmente discutiuse o papel dos consorcios, mancomunidades de municipios para a prestación de servizos públicos locais para os municipios de pequena dimensión. Froito destes traballos publicarase nos próximos meses unha monografía que recollerá todas as comunicacións e relatorios presentados.

Análise, debate e propostas

A programación do congreso arrancou o mércores cunha mesa redonda sobre o estatuto dos municipios de menor poboación, na que participaron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; Judith Florez, en representación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e Simón Rego, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia. Continuou cunha conferencia de Joaquín Alcalde, experto en innovación social, sobre rural proofing e innovación social, e outra de Serafín Pazos, da European Association for Innovation Local Development, sobre inframunicipalismo e políticas públicas europeas. Esta primeira sesión pechouse cunha intervención sobre cuestións económicas de Alberto Vaquero, e Miguel Anxo Santirso, tesoureiro da Deputación Provincial de Pontevedra e membro da Rede Localis. Este xoves, a cita empezou cun relatorio do profesor Andrés Boix, da Universitat de Valencia, sobre o papel das deputacións provinciais na xestión dos servizos nos pequenos municipios. A continuación, interveu Consuelo Doncel, secretaria do concello de Lora del Río e membro do grupo de traballo de Pequenas e Medianas Entidades Locais da FEMP. Os académicos Maite Vilalta, da Universitat de Barcelona; Rosa Regueiro, da Universidade de Santiago de Compostela, e Javier Suárez, da Universidad de Oviedo, abordaron pola súa banda nunha mesa redonda os retos dos municipios de menor tamaño ante a deriva demográfica.

Como peche a este V Congreso da Rede Localis, o investigador do CSIC José Mª Martell ofreceu a conferencia Ciencia e reto demográfico, e a clausura contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; e de Alberto Vaquero e María Cadaval (coordinadora da Rede Localis e profesora da USC). Nela, o vicerreitor destacou que grazas á Cátedra de Bo Goberno Local e a Rede Localis nos que se enmarca este congreso “posibilítase a mellora do debate público sobre o mundo local acompañada da potenciación da transferencia de coñecemento e a formulación de propostas de solución aos problemas detectados”. Ademais, engadiu, “posibilítase a apertura dun debate sobre os niveis e estándares de bo goberno e a boa administración do mundo local, a análise dos procesos da toma de decisións da xestión pública eficaz e eficiente, a avaliación da situación da prestación dos servizos municipais que demanda a cidadanía e a proposta de mellora da gobernanza para unha administración local moderna”. Rodríguez Rajo animou á Rede Localis a seguir traballando neste campo “co obxectivo de continuar co importante papel que debe ter a transferencia do coñecemento, un dos alicerces sobre os que se debe sustentar a actividade universitaria”.

Universidade de Vigo, 2023-07-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (camino-cunchas.jpg) O Camiño de Santiago bateu un novo récord ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano, que adoita ser a principios de xuño. A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido. Esta cifra enmárcase dentro da boa tendencia desta ruta de peregrinación, que en 2023 xa bateu os rexistros históricos a pesar de non ser Ano Santo. Cómpre destacar que esta ruta de peregrinación está cada vez máis desestacionalizada e diversificada. De esta maneira, a afluencia de peregrinos segue medrando fóra de tempada alta; e que cada vez hai un reparto máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. Así, se en 2004 o resto de rutas que non eran o Camiño Francés representaban só o 24% dos peregrinos, agora esa cifra incrementouse ata o 53%.
Foto de la tercera plana (videnda-igvs-02.jpg) A Xunta de Galicia vén apostando durante os últimos anos pola rehabilitación de inmobles residenciais, ofrecendo medidas directas para reforzar o parque público de vivendas, pero tamén concedendo diversas axudas económicas, tanto a particulares como a comunidades de veciños e entidades promotoras. Dentro destas liñas de actuación, en abril de 2019 aprobouse a que foi a primeira Lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que promovía a recuperación e rehabilitación do patrimonio xa construído.

Notas

A resolución de problemas asociados á alta xeración de residuos agrícolas e forestais, que se acumulan cada vez en maior medida debido ao abandono do medio rural e que causan unha gran cantidade de incendios. Con este obxectivo lanzouse na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o proxecto europeo Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables (Newpower). Liderado desde a Universidade de Vigo e cun orzamento total de 1,3 millóns de euros, aúna once socios de Portugal, Francia e España.
A Xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos, organizada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, a través do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, amosou múltiples aplicacións que se abren co uso dos videoxogos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES