Notas de prensa

Unha investigación en materia de Intelixencia Artificial do CITIC da UDC, premiada pola Asociación de Empresas TIC de España

A secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas, entregou o Premio I+D+i en IA da Asociación Multisectorial de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica (AMETIC) ao investigador Óscar Fontenla Romero do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña.

Este premio, que se entregou na sexta edición do encontro AMETIC Artificial Intelligence Summit 2023 celebrada en Madrid, recoñece as mellores prácticas e resultados de Investigación, Desenvolvemento e Innovación no ámbito da Intelixencia Artificial co proxecto de investigación Machine Learning on the Edge desenvolvido na UDC e financiado pola Fundación BBVA.

Ademais de Óscar Fontenla como investigador principal participaron no proxecto Amparo Alonso Betanzos, Bertha Guijarro Berdiñas, Elena Hernández Pereira, Noelia Sánchez Maroño, Beatriz Pérez Sánchez, Verónica Bolón Canedo, Laura Morán Fernández e David Novoa Paradela do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) da UDC.

O proxecto Machine Learning on the Edge ten como obxectivo o deseño e desenvolvemento de novos métodos de aprendizaxe automático que poidan ser adestrados e operados nos dispositivos informáticos dispoñibles nos contornos de computación no borde (edge computing). Este tipo de contornos son cada vez máis comúns, especialmente no ámbito do Internet das Cousas (Internet of Things, IoT). Este paradigma de aprendizaxe permite o desenvolvemento de novos modelos de intelixencia artificial que salvagarden a privacidade dos datos. Ademais, presentan outras vantaxes adicionais como unha menor latencia, o que os fai máis idóneos en contorno en tempo real, e un menor consumo de enerxía eléctrica para o adestramento do modelo.

AMETIC

A Asociación Multisectorial de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica fundouse en 1984 e representa a unhas 3.000 empresas do macrosector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) de España. É á asociación representante da industria dixital de ámbito nacional. Forman parte de AMETIC desde pemes ata grandes empresas globais dos ámbitos de Tecnoloxías da Información, Telecomunicacións, Industria Electrónica, Servizos e Contidos Digitais, Transformación Dixital, Tecnoloxías Habilitadoras, Banca, Enerxía, ou Sustentabilidade, entre elas empresas moi representativas como Amazon, Google, HP. Hispasat, INDRA, ABB, GMV, etc. Ademais, tamén están integradas en AMETIC outras asociacións do sector a nivel territorial e parques tecnolóxicos.

Universidade da Coruña, 2023-04-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES