Notas de prensa

Investigadores da UVigo e da Universidade de Sao Paulo realizan unha análise comparada das administracións españolas e brasileiras

Investigadores do Observatorio da Gobernanza G3, da Facultade de Dirección e Xestión Pública, traballan xunto co profesor da Universidade de Sao Paulo (USP) Fernando Coelho no desenvolvemento dun modelo de análise das administracións públicas españolas e brasileiras, que permita realizar estudos comparados sobre o desenvolvemento de políticas en diferentes eidos.

Este é unha das iniciativas impulsadas no marco da estadía de investigación que realiza na facultade pontevedresa este investigador da Escola de Artes, Ciencias e Humanidades da USP, que este martes impartía unha conferencia sobre os principais retos aos que ten que facer fronte a xestión pública no Brasil.

Como explicou o decano de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, estas actividades insírense na colaboración da facultade “cunha das universidades máis importantes” de América Latina. Os investigadores da UVigo e da USP traballan no desenvolvemento “dun modelo de análise comparada”, entre os sistemas administrativos destes dous países, “que teñen unha realidade parecida, pero entre os que tamén hai moitas diferencias”. Este modelo permitirá, como explica Varela, “determinar como se xestiona, que políticas se levan a cabo ou como desenvolver novas liñas de innovación”. A idea, sinalou o decano e coordinador do Observatorio da Gobernanza, é desenvolver unha ferramenta que permita “facer análises comúns de problemas que poden ser tamén comúns”, na xestión dos servizos ou no desenvolvemento de políticas públicas, de tal xeito que constitúa un marco co que “analizar políticas e coñecer as solucións que se lle deron en sistemas públicos parecidos”. Concretamente, Coelho puxo o foco no interese deste modelo de análise para realizar un estudo comparativo “de como está organizado o poder local e a xestión municipal” nos dous países. Ao mesmo tempo, outro dos propósitos desta colaboración é realizar unha “análise comparada dos estudos de administración e xestión pública en Brasil e en España”, como engadiu Varela.

Retos nun contexto de “polarización”

Nesta xornada, Coelho impartiu unha conferencia sobre as “perspectivas da xestión pública brasileira na contemporaneidade”, na que afondou nos “tres principais retos” aos que debe enfrontarse o sistema público dun país marcado nos últimos anos pola “polarización política”. O investigador da USP referiuse en primeiro termo á necesidade de “aumentar a capacidade administrativa” das entidades locais, posto que no Brasil existen 5570 municipios, o 90% de menos de 20.000 habitantes e que “moitas veces non teñen recursos nin persoal para a implantación de políticas”. A isto súmase á súa vez o reto de “mellorar a dimensión dos servizos públicos”, como a educación e a sanidade, “aos que unha parte da poboación non ten acceso”, unha problemática que se viu agravada pola pandemia, recoñeceu. Finalmente, o terceiro reto é o que define como “desperdicio pasivo”, a mala utilización dos recursos públicos en accións, como por exemplo, realizar construcións ou compras públicas que logo non teñen utilidade. “Nos últimos 15 anos tivemos un moi bo sistema de loita contra a corrupción, pero non temos un sistema de verificación da calidade do gasto público”, sostivo Coelho, que explicou que este “desperdicio” representa case o dobre de gasto público do que poida supor a corrupción.

Este conxunto de problemáticas víronse agravadas á súa vez polo “contexto político e económico” vivido nos últimos anos no Brasil, marcado tanto por “unha crise económica”, como por un “panorama de polarización política”, dentro do que, lembrou Coelho, “tivemos unha recente tentativa de golpe de estado”. “Agora mesmo, a democracia no Brasil está moi débil”, engadiu o investigador, para quen este contexto viuse agravado por “un estancamento dos investimentos na xestión pública” durante o goberno de Jair Bolsonaro, “que traballou soamente os grandes retos da economía”, pero non “os problemas da xestión pública e as políticas sociais”.

Reactivar a colaboración

Alén do traballo investigador que desenvolven nestas semanas, a estadía de Coelho no Observatorio da Gobernanza enmárcase no “proceso de internacionalización” da facultade, como sinala Varela, xa que outro dos seus propósitos é potenciar a colaboración “cunha das universidades máis importantes” de América Latina. Nese senso, ambos traballan na actualización do convenio de recoñecemento mutuo de estudos que a UVigo e a USP asinaron en 2011 e que permite que estudantes de Dirección e Xestión Pública e alumnado de Xestión de Políticas Públicas en Sao Paulo poidan obter as dúas titulacións cursando parte dos seus estudos na outra universidade. Este convenio, lembrou Varela, fixo posible de case 50 estudantes brasileiros se formasen no campus pontevedrés, mais o cambio do plan de estudos do grao obriga a renovar ou adaptar este convenio.

Así mesmo, Coelho traballa tamén coa facultade na organización dun “módulo internacional para un curso de especialización da USP”, uns estudos de posgrao sobre xestión pública para profesionais, coa idea de que poidan desenvolver na UVigo unha estadía que lles permita afondar en cuestións como “a organización política e administrativa en España e Galicia, os retos da xestión pública profesional” ou exemplos de “boas prácticas” neste eido, explicou, a través dunha serie de conferencias e seminarios.

Universidade de Vigo, 2023-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES