Notas de prensa

IA e coñecemento humano selan unha alianza estratéxica contra a desinformación no proxecto HYBRIDS

Humanos e máquinas achegarán o mellor de si para coutar algunhas das ameazas coas que se atopan as democracias actuais: noticias falsas, discursos de odio ou desinformación. Esta é a meta de HYBRIDS (Intelixencia híbrida para monitorizar, promover e analizar transformacións nas boas prácticas democráticas), un novo proxecto de investigación liderado dende a USC para contrarrestar a ameaza da desinformación, baseadas no procesamento da linguaxe natural (PLN) e a Intelixencia Artificial (IA).

A través deste proxecto que conta co apoio da Unión Europea (UE) e o UKRI (UK Research and Innovation do Reino Unido) desenvolveranse diferentes técnicas de Deep Learning a partir dunha análise exhaustiva do discurso público sobre temas cruciais a nivel global, como a saúde, a crise climática, o escepticismo europeo ou a inmigración, que terá en conta tanto os medios de comunicación tradicionais como os contidos publicados a través das redes sociais. Representantes das catorce entidades que integran o consorcio déronse cita este mércores 25 no encontro de lanzamento da iniciativa que tivo lugar no Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS).

Estratexia global

“A propagación de rumores e noticias falsas, a incitación ao odio contra minorías vulnerables e o acoso a través das redes sociais convertéronse nunha das principais ameazas para as democracias modernas”, explican dende o proxecto. Os parlamentos e gobernos das distintas nacións están a tomar conciencia da necesidade dunha estratexia global contra a desinformación, “asumindo que a estabilidade das sociedades democráticas depende tamén de que os cidadáns teñan acceso a información verificable, sendo así libres de construír as súas propias opinións a partir de datos obxectivos, cuxa veracidade poida ser demostrada”, apuntan.

Aínda que nos últimos anos producíronse avances significativos na detección automática da desinformación, segue sendo un campo pouco estudado, xa que se trata dunha tarefa “extremadamente complexa que require un profundo coñecemento semántico, así como distintos mecanismos de inferencia e razoamento baseados na linguaxe natural”, aseguran.

Intelixencia ‘híbrida’

Desde a súa concepción inicial, HYBRIDS asumiu a necesidade de contar cun equipo de investigación multidisciplinar, capaz de trasladar os coñecementos adquiridos nas ciencias humanas e sociais ás ferramentas tecnolóxicas baseadas nos algoritmos de Procesamento da Linguaxe Natural (PLN) e Deep Learning (DL). Pablo Gamallo, docente da Facultade de Filoloxía da USC e experto en lingüística computacional, responsable do proxecto dende o CiTIUS, afirma que “o obxectivo final é xerar novos sistemas de interpretación neuro-simbólica, algo que coñecemos como intelixencia híbrida”. O investigador resume a esencia do proxecto ao afirmar que “a idea de intelixencia híbrida consiste en combinar as altas capacidades computacionais dos recentes algoritmos neuronais con representacións simbólicas que modelan o coñecemento humano, achandando así o camiño para superar as carencias dos actuais métodos de intelixencia artificial”.

Con todo, e a pesar destas vantaxes, ata a data publicouse moi pouca investigación no campo dos sistemas híbridos, debido á dificultade de atopar persoal de alta cualificación nestas disciplinas, tradicionalmente tan afastadas como a enxeñería informática, as ciencias sociais ou a lingüística. A posta en marcha de HYBRIDS —unha Rede Doutoral Marie Skłodowska-Curie financiada polo programa Horizonte Europa e o UKRI— contribuirá tamén á formación destes perfís en metodoloxías híbridas, que achegarán a súa experiencia neste e outros estudos sociais cun alto impacto potencial na sustentabilidade das boas prácticas democráticas en Europa.

HYBRIDS é o resultado dun consorcio internacional liderado dende o CiTIUS da USC, e nel participan un total de catorce membros (oito beneficiarios e seis socios) de sete países europeos: Francia, Alemaña, Italia, Portugal, España, Países Baixos e Reino Unido. Entre as institucións figuran seis universidades (USC, Queen Mary University of London, Radboud Universiteit, UDC, Université Caen Normandie e Universidade de Evora); tres centros de investigación (Consello Superior de Investigacións Científicas, Fondazione Bruno Kessler e Leibniz-Institut für Sozialwissenschaften); dúas fundacións sen ánimo de lucro (Fondazione Openpolis ETS e Fundación Empresa Universidade Galega) e tres empresas privadas (Factoria Software e Multimedia, Industrieanlagen Betriebsgesellschaft MBH e Newtral Media Audiovisual). O proxecto está dotado con 2,9 millóns de euros.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-01-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES