Notas de prensa

Seis documentais para a reflexión social

Cada curso académico, o campus de Ourense participa, ao igual que o campus de Pontevedra, na iniciativa Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve de xeito paralelo en preto de 70 cidades de toda España. Neste segundo cuadrimestre serán seis, unha cada mes, as obras internacionais de temáticas moi diversas que se poderán ver de xeito virtual no marco desta iniciativa.

Segundo explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense, este cuadrimestre mantense o visionado en liña e non presencial dos documentais. Todas aquelas persoas que desexen ver en liña cada obra deberán remitir unha solicitude ao enderezo electrónico docs-ou@uvigo.es e enviaráselle o enlace e o código necesarios para o seu visionado na rede, que estará habilitado durante un período de tempo determinado. Este procedemento será o que se aplique cada mes para o documental correspondente.

Diversidade temática

A programación arranca este mes de xaneiro cun filme no que a cineasta finesa Leena Kipeläinen “reconstrúe a incrible vida de Maija Isola”, unha artista que “revolucionou o mundo do deseño téxtil” nas décadas de 1950 e 1960 “cun estampados florais que se converterían nun éxito global”, como destaca a promotora de Docs del Mes. Ao mes seguinte, en febreiro, poderá verse Un viaje de mármol, un documental do director chinés Sean Chang que se presenta como “unha reflexión con humor sobre a autenticidade, a tradición, as relacións internacionais e a absurdeza da economía global”, na que amosa como os bloques de mármore extraídos dunha canteira en Grecia viaxan en barco a China “para seren convertidos en esculturas e columnas de estilo grego”.

Xa en marzo, a actividade continúa con No place like home, de Emilia Beck, un documental que retrata a historia de Priyangika Samathie, “unha muller nova adoptada por unha familia norueguesa que quere reconciliarse coas súas orixes en Sri Lanka”, dando lugar a “unha viaxe existencial convertida nun clamor anticorrupción”, como sinalan desde a empresa promotora. Ao mes seguinte, o ciclo viaxa ata Xapón, coa proxección de Rising from the tsunami, un documental no que Hélène Robert and Jeremy Perrin propoñen un “percorrido misterioso e poético”, a través dos testemuños dos superviventes, polas consecuencias psicolóxicas e emocionais que supuxo o tsunami que en 2011 asolou á costa de Tohoku, deixando máis de 15.000 falecidos.

Docs del Mes continuará en maio con The pawnshop, unha “emotiva historia” de Lukasz Kowalski sobre a parella propietaria da que é “probablemente a casa de empeños máis grande de Europa” e en como o crecemento do paro na cidade polaca na que se atopa rematou por convertela “nun centro de vida importante para a comunidade local”. Finalmente, en xuño proxectarase President, un documental que Camilla Nielsson centra na figura do político Nelson Chamisa e na primeira campaña electoral vivida en Zimbabue tras o réxime de Robert Mugabe, que se presenta como “unha crónica inspiradora e impactante sobre a loita pola democracia nun sistema corrupto controlado por militares”.

Universidade de Vigo, 2023-01-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES