Notas de prensa

Investigadores da USC denuncian en 'Science' os perigos da contaminación lumínica

A contaminación lumínica é un problema medioambiental ao que se debe facer fronte a través de medidas nas que a luz sexa abordada como un auténtico contaminante para o ceo nocturno, tal e como sucedeu, por exemplo, coa Clean Air Act, unha iniciativa lexislativa destinada a acometer a polución do aire nos Estados Unidos. Esta

é unha das apreciacións realizadas polos investigadores Salvador Bará e Fabio Falchi nun comentario difundido na revista Science e no que poñen o foco na necesidade de establecer indicadores e liñas vermellas que non poidan ser cruzadas á hora de paliar este tipo de emisións contaminantes.

Os autores reflexionan arredor doutra investigación publicada no mesmo número da cabeceira e que constatou como o brillo nocturno artificial da Terra estaría aumentando un 9,6% cada ano dende hai polo menos unha década. “Canto máis brillante é o ceo nocturno, máis escintilante debe ser unha estrela para ser vista polo ollo humano sen axuda”, relatan no texto o actualmente profesor xubilado da USC, Salvador Bará, e o doutorando da institución compostelá, Fabio Falchi.

O devandito estudo, cuxo primeiro asinante é Christopher C. M. Kyba, apunta tamén cara a necesidade de satélites que detecten a luz en diferentes bandas de cor. Bará e Falchi subliñan no seu comentario as eivas existentes para detectar a luz emitida case horizontalmente, por exemplo, a través das vallas publicitarias LED ultra brillantes ou das fachadas dos edificios. Neste senso, os investigadores subliñan a necesidade de paliar estes puntos débiles mediante satélites de nova xeración equipados con capacidade de monitorizar múltiples lonxitudes de onda e en múltiples ángulos.

O concepto de beleza

“Talvez a mensaxe máis importante que a comunidade científica debería extraer do estudo é que a contaminación lumínica está aumentando, a pesar das contra medidas supostamente postas en marcha para limitala”, explican. Observando as imaxes e vídeos da Estación Espacial Internacional do hemisferio nocturno da Terra, as persoas xeralmente só se sorprenden pola "beleza" das luces da cidade, “como se fosen luces nunha árbore de Nadal”, escriben Bará e Falchi. “Non perciben que estas son imaxes de contaminación. É como admirar a beleza das cores do arco da vella que produce a gasolina na auga e non recoñecer que se trata de contaminación química. Debe aumentar moito a conciencia para que a luz artificial nocturna se perciba non como algo sempre positivo, senón como o contaminante que realmente é”, engaden.

“A maioría das persoas asocian a luz artificial coa seguridade viaria e a seguridade persoal, conexións que non están ben apoiadas pola evidencia”, afirman. Así, ano tras ano, instálanse máis luces que, a xuízo dos autores, xeran “notables consecuencias”. “Os astrónomos déronse conta rapidamente de que as luces nocturnas afectaban a súa investigación e, por tanto, afastaron os observatorios das cidades”, subliñan. Con todo, a medida que se estende o uso de luces exteriores, esta estratexia volveuse menos efectiva.

Ademais, ao mellorar a eficiencia da tecnoloxía, é posible obter máis iluminación pola mesma cantidade de diñeiro. “Isto estase traducindo nun florecemento de novas luces para iluminar estradas, edificios e paisaxes naturais; para vallas publicitarias dixitais; e para o ‘embelecemento’ de xardíns, entre outras aplicacións”, afirman. “Para empeorar as cousas, están a lanzarse miles de satélites a órbitas terrestres baixas. Isto evitará que toda a humanidade poida admirar un ceo prístino en calquera parte do planeta. A experiencia na natureza que un pode ter nun parque nacional pola noite, por exemplo, pode verse cada vez máis afectada polos resplandores das cidades e as megaconstelacións de satélites. A perda da noite estrelada é unha perda sen precedentes para todas as culturas”, aseguran.

Calidade de vida

A introdución da luz artificial nos ecosistemas pode tamén mudar a conducta dos animais e mesmo reducir a produción de melatonina, hormona fundamental para regular o reloxo circadiano interno tamén nos seres humanos. Doutra banda, agárdase tamén que os procesos necesarios para producir, instalar e operar coa iluminación artificial exterior liberen gases de efecto invernadoiro á atmosfera “e contribúa ao quecemento global”, conclúen.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-01-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES