Notas de prensa

Un proxecto europeo con participación galega explora modelos de economía circular alternativos ao mercado global

Unha visión crítica da economía circular, entendida como a incorporación de determinadas cuestións ambientais ao actual modelo económico para garantir a súa continuidade, constitúe o punto de partida de ExPliCit, un proxecto europeo do que forma parte a UVigo e que ten como obxectivo analizar como este paradigma podería aplicarse en escenarios alternativos aos dunha economía de mercado global.

Financiado polo programa Horizonte Europa, dentro das accións Marie Sklodowska-Curie Rise, trátase dun proxecto liderado pola Universidade de Nápoles, no que participan dez institucións académicas e entidades sociais e empresariais de España, Italia, Bélxica e Reino Unido. O seu principal propósito, como sinala o investigador do Post-Growth Innovation Lab Brais Suárez, é o de “investigar como sería a economía circular baixo outras configuracións sociais e políticas”, o que abrangue desde a análise teórica de diversos “futuros posibles” ao intento de pór en práctica algunhas das ideas xurdidas desta análise nuns casos de estudo centrados nas cadeas de subministro de produtos eléctricos e electrónicos.

“A economía circular é un concepto político. Detrás hai valores, intencións e ideoloxías políticas que afectan á forma na que se configuran os sistemas de economía circular. En Europa popularizouse baixo unha visión promercado que fala de reciclar ou de reempregar, pero isto non implica que se reduza a extracción de materiais ou a xeración de residuos”, sinala Suárez Eiroa, coordinador dun dos paquetes de traballo do proxecto. Financiado con preto de 350.000 euros nunha convocatoria de accións dirixidas a fomentar a mobilidade e o intercambio de coñecemento, trátase dun proxecto no que a UVigo está representada polo grupo dirixido por Mario Pansera. Xunto ao Post-Growth Innovation Lab, participan tamén investigadores das universidades de Sheffield, Sevilla e Catania, así como de Nápoles. Fóra do ámbito académico, agrupa socios como a Asociación Andaluza de Electrodomésticos y Otros Equipamientos del Hogar, a empresa Revertia, a rede ABIS (Academy of Bussiness In Society), a organización italiana de defensa dos consumidores Federco e a Confederación Nacional Italiana de Artesanía e Pequenas e Medianas Empresas. 

A economía circular como un proceso político e non neutro 

“En liñas xerais, o sistema económico estúdase en todos os manuais como un sistema pechado, no que os fluxos económicos viaxan dun sitio a outro e xeran crecemento”, salienta Suárez Eiroa, que lembra que este tipo de modelos deixaron fóra durante décadas “ás cuestións ambientais e sociais”, ata o desenvolvemento da idea da economía circular. Mais, como recolle a memoria deste proxecto, esta é vista con frecuencia como “un proceso directo, neutral e apolítico”, en lugar de como un “concepto político”, sinala. “O que pretende é crear a ilusión de que é posible pechar de novo o sistema económico para manter as cousas como ata agora. Trátanse os problemas ambientais como externalidades do sistema, pero non se analiza nin a natureza deses problemas ambientais nin as consecuencias sociais asociadas”, subliña este investigador, que incide en que este concepto reforza “mecanismos que buscan manter as cousas como ata agora”. 

Fronte ás “solucións tecnocráticas actuais”, os socios deste proxecto inciden en que “hai unha falta de discusión sobre como se podería organizar un sistema económico verdadeiramente circular”. Nese senso, ExPliCit (Exploring Plausible Circular Futures) busca dar resposta, como sinala Suárez, á pregunta de que acontecería “se pensamos a economía circular baixo outras formas de ver o mundo e de organizar a produción e o consumo”. 

Da análise global á realidade concreta dun sector

Fronte “unha economía circular baseada nun enfoque tecnocrático”, os impulsores deste proxecto fan énfase na necesidade de “reestruturar” as cadeas de subministro, o conxunto que engloba desde os provedores de materia prima e os produtores dun determinado ben, ata os canais de distribución, vendedores e clientes. A partir dun conxunto de indicadores ambientais, sociais e económicos, o proxecto busca analizar como poderían reconfigurarse estas cadeas tendo en conta, xunto aos aspectos ambientais, “cuestións de xénero ou de xustiza social ou laboral”, á vez que romper coa idea “de que é necesario crecer indefinidamente”.

Esta análise realizarase tanto desde unha óptica xeral como pondo o foco nun “conxunto de sectores estratéxicos clave”. Concretamente, na industria dos equipamentos eléctricos e electrónicos, dado a necesidade de “materias primas críticas” que implica, a complexidade das súas cadeas de subministro e o feito de que se trata dun sector no que a transición cara esa economía circular foi ata o de agora “moi limitada”, posto que menos do 20% dos seus residuos son
xestionados de acordo con criterios ambientais. 

Tres anos de traballo

De 36 meses de duración e coordinado polo investigador Andrea Genovese, o proxecto articulase en tres paquetes de traballo, dous deles centrados, nunha análise “máis teórica” sobre “como poden ser esas configuracións alternativas”, explica Suárez. Ese é o caso do bloque que coordina este investigador e que se centra na definición das técnicas para a análise de diferentes escenarios e dun segundo consistente na identificación de redes de produción e cadeas de subministro compatibles con eses escenarios. Finalmente, o terceiro paquete de traballo dedicarase ao desenvolvemento de estudos de caso xunto cos socios non académicos, coa idea de pór a proba algunhas das ideas definidas nos dous bloques previos. 

Nese senso, entre os traballos do proxecto figuran investigacións “sobre a compatibilidade dos modelos de economía circular con contextos económicos de libre mercado” e en sistemas orientados ao crecemento económico. Nun segundo chanzo, estudaranse “marcos de economía circular alternativos” para logo levar a cabo unha “comparación dos sistemas de produción lineal e circular” nas industrias seleccionadas. Finalmente, a investigación contempla o estudo de que mecanismos e iniciativas políticas permitirían favorecer a implantación destes modelos alternativos “O obxectivo sería chegar a definir certas políticas que poderían encamiñarnos cara eses futuros preferibles na organización da produción”, salienta Suárez dun proxecto que celebra o 17 e 18 de xaneiro a súa reunión de lanzamento en Nápoles. 

Universidade de Vigo, 2022-12-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES