Notas de prensa

Galicia defende máis apoios que garantan a rendibilidade dos profesionais do mar ante a suba do prezo do gasóleo

Na terceira semana de marzo as descargas e a facturación nas lonxas caeron nun 60% con respecto á mesma semana de 2019. O prezo dos combustibles supón de media un 14% dos custes de explotación dos buques de pesca, variando entre o 7% na frota de baixura e o 22% no caso dos arrastreiros de altura, cuestión que se ve alterada seriamente coa suba do seu prezo.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe no Parlamento a necesidade de máis apoios por parte da Unión Europea e do Goberno central que redunden na rebaixa do prezo dos carburantes para os sectores máis afectados, como o marítimo-pesqueiro, e outras medidas que contribúan a mellorar a liquidez dos profesionais do mar e a xeración de ingresos ante a suba do prezo do gasóleo.

Nesta liña, sinalou que estas medidas, ademais de ser a curto prazo, deben ter tamén unha visión a medio e longo prazo. Así o expuxo en resposta a unha interpelación sobre este tema onde destacou que, dentro das medidas a curto prazo, a Xunta está a traballar nas que é posible aplicar desde Galicia como a bonificación do 100% das taxas dos portos galegos durante un mínimo de dous meses. Neste ámbito, apelou a Portos do Estado a ir máis alá da bonificación da taxa de descarga de pesca fresca.

Outra das medidas que acordou a comunidade autónoma galega é axilizar o abono das axudas concedidas aos axentes do sector a través das diferentes ordes de achegas convocadas polo Goberno autonómico. Ademais, engadiu a conselleira, a Xunta volverá lanzar de inmediato a campaña GALICIA SABE AMAR para animar á sociedade a consumir produtos do mar, elevar os seus prezos e agradecerlle á xente do mar o compromiso que está a mostrar saíndo ao mar nun difícil contexto económico.

Ao mesmo tempo, expuxo a titular de Mar, o Goberno galego segue insistindo en medidas xa solicitadas ao Executivo central como a posibilidade de empregar os fondos europeos non executados ao abeiro da declaración da situación excepcional e apoios específicos para os sectores transformador e comercializador de produtos do mar. Tamén incidiu na importancia de actuar desde o punto de vista fiscal, como demandou Galicia desde o primeiro momento, aplicando rebaixas de impostos na medida do posible para facilitar que as empresas poidan contar con liquidez.

Outros aspectos demandados pola Xunta ao Executivo estatal e que lembrou a conselleira son a flexibilización temporal e limitada das medidas normativas de importación de materias primas e a flexibilidade interanual das cotas de pesca.
En canto ao medio prazo, Rosa Quintana salientou a necesidade de medidas de eficiencia enerxética que permitan racionalizar o uso do combustible e axustar o seu consumo. Neste sentido, sinalou que a Xunta leva traballando neste ámbito desde hai anos impulsando o desenvolvemento de proxectos deste tipo na pesca, na acuicultura e na transformación.

Na parte relativa á visión a longo prazo, a conselleira subliñou a necesidade de traballar nunha descarbonización progresiva do sector, adecuando os barcos a novos combustibles que fagan viable a actividade e que sexan asumibles tanto en prezo coma en tecnoloxía.

Impacto

En relación ao impacto xerado no sector marítimo-pesqueiro polo encarecemento dos combustibles e dos custes das materias primas, así como polo paro do trasporte, a titular de Mar sinalou que na terceira semana de marzo as descargas e a facturación nas lonxas caeron nun 60% con respecto á mesma semana de 2019. Tamén expuxo que o prezo dos combustibles supón de media un 14% dos custes de explotación dos buques de pesca, variando entre o 7% na frota de baixura e o 22% no caso dos arrastreiros de altura, cuestión que se ve alterada seriamente coa suba do seu prezo.

Ademais, Rosa Quintana puxo de relevo o compromiso e a solidariedade do sector marítimo-pesqueiro para subministrar alimentos de calidade á cidadanía, do mesmo xeito que fixo durante a alerta sanitaria polo coronavirus, período no que foi declarado esencial e no que traballou.

Xunta de Galicia, 2022-04-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES