Notas de prensa

Tamaño, endebedamento, solvencia e exportacións son os principais factores que determinan a supervivencia da empresa galega

Tanto a rendibilidade económica como a financeira non aparecen como factores significativos de supervivencia empresarial das empresas galegas, 'un resultado sorprendente, xa que son indicadores relevantes do éxito ou fracaso dunha empresa, polo menos cando hai unha situación normal da economía'.

Cinco anos investiu Manuel Ángel Meixide Vecino (Vigo,1949) en rematar a súa tese de doutoramento, centrada “nun tema que coñecía dende a práctica diaria no meu traballo no sistema financeiro”, sinala o economista, autor de Factores que determinan a supervivencia da empresa galega. Dirixida por Antonio Vaamonde Liste, a tese, que é “ o primeiro estudo amplo que se fai da supervivencia das empresas galegas”, aclara Meixide, analiza a través de métodos estatísticos de supervivencia e de análise multivariante, unha mostra aleatoria representativa de 5000 empresas galegas de todos os tipos e sectores, nos anos 2008 a 2012, período que se corresponde coa anterior crise económica.

“Analizo unha época de fonda crise, non unha situación normal da economía. Ese é un estudo que está por facer”, explica o investigador, que durante 15 anos foi profesor asociado da UVigo. Tamaño, endebedamento, solvencia e exportación son, segundo conclúe a tese de Meixide, os factores que determinan a supervivencia da empresa galega, que “poden ser semellantes aos factores que determinan a supervivencia noutras comunidades, ou países, mais na literatura científica aparecen factores como rendibilidade ou produtividade, que non son significativos en Galicia no período considerado”, detalla o doutor pola UVigo e tamén presidente da Fundación Isla Couto e vicepresidente da Editorial Galaxia, que recoñece que “pensaba facer a tese ao remate da carreira, pero ao comezar a traballar na empresa privada foi imposible”. Aos seus 72 anos considera Meixide que a idade non é un atranco para este tipo de traballo de investigación e que foi precisamente nestes últimos anos “que tiven tempo e é un tema no que tiña interese hai moitos”, explica o economista, que tamén destaca a calidade do seu director de tese, Antonio Vaamonde Liste.

O tamaño importa ao longo da vida dunha compañía

“Estudamos mediante modelos estatísticos un conxunto de factores e a súa relación coa supervivencia das empresas, como axudan ou prexudican as súas características nas súas posibilidades de seguir no mercado e non fracasar, é dicir os factores que relacionan as empresas coa súa lonxevidade”, explica o autor de Factores que determinan a supervivencia da empresa galega. En relación ao tamaño, que semella ser un factor relevante dende o inicio da posta en funcionamento da compañía é importante, afírmase na investigación, conseguir que as empresas desde os seus comezos dispoñan do maior tamaño posible, preto do tamaño mínimo eficiente, para que as probabilidades de supervivencia sexan maiores, considerando, así mesmo, que o tamaño ideal marca a evolución do futuro da empresa.

“Ao longo da vida da compañía, o tamaño segue importando; conseguir que as empresas teñan unha maior dimensión debe ser un obxectivo, mediante fusións ou adquisicións, ou políticas de I+D que aumenten a produtividade e o volume de vendas, xunto con medidas fiscais como deducións por reinvestimento que propicien esta situación, axudando a un maior tamaño medio do tecido empresarial”, detalla o economista, que constatou que a mediana da supervivencia é de 43 anos nas empresas que facturan ata 10 millóns de euros e de 70 nas que facturan máis desa cifra. Así mesmo, a probabilidade de desaparición para as compañías que facturan máis de 10 millóns de euros ao ano (medianas e grandes) é do 61% da probabilidade correspondente ás empresas de menor tamaño (pequena e micro) e o risco de desaparición dunha micro empresa multiplica por 2,136 do dunha grande.

“Para o tecido empresarial galego, o feito de que o tamaño sexa un factor determinante na supervivencia non é unha boa noticia, xa que está formado de maneira fundamental por pequena e microempresa, que son o 95,44% do total de compañías”, lamenta Meixide, que apunta que esta conclusión debería axudar a pensar e desenvolver políticas fiscais, financeiras, etc., que desde o ámbito público e privado axuden á micro e á pequena empresa a alcanzar un tamaño suficiente para poder manterse no mercado e non fracasar.

Maior nivel de endebedamento, maior risco de desaparición

O endebedamento é outro factor a ter en conta, sobre todo en épocas de fonda crise como a estudada, xa que de xeito habitual a un maior endebedamento, as posibilidades de supervivencia son menores. O risco de desaparición dunha empresa, sinálase na tese, aumenta segundo crece o nivel de endebedamento: as compañías con endebedamento alto teñen un risco de desaparición un 69,79% maior que as empresas con endebedamento baixo, e as que teñen endebedamento medio un 30,81% maior. Así mesmo, apúntase que a desaparición de compañías relaciónase non só co seu endebedamento no último ano, senón tamén co soportado con varios anos de antelación.

“Moitas empresas fracasan cando se produce un shock financeiro e non reciben financiamento suficiente. É unha lección aprendida e posta en práctica na crise recente da pandemia, onde se procurou, dentro das posibilidades do sistema económico, un incremento importante do financiamento alleo a todo tipo de empresas, por medio de préstamos ICO, préstamos de sociedades capital-risco, sociedades de garantías recíprocas para avaliar operacións bancarias, así como por medio de ERTES que protexen o tecido empresarial”, explica Meixide, que destaca que estas medidas axudan a amortecer o efecto da crise mediante abundantes recursos financeiros postos ao servizo do aparello produtivo, “cousa que non se fixo axeitadamente na crise anterior”.

Significativa relación da solvencia coa supervivencia

O terceiro factor, que segundo a tese de Manuel Meixide, determina a supervivencia dunha empresa é a solvencia, que debe ser tomada en conta, a fin de facer fronte a situacións complicadas do tecido empresarial. Na tese sinálase que o risco de desaparición do grupo de empresas con solvencia alta é un 42,32% menor en relación ao grupo de empresas con solvencia baixa, as empresas con solvencia media tamén teñen un risco de desaparición menor (20,87%) que o grupo de solvencia baixa, sendo o efecto significativo en ambos casos, o que semella consistente cos resultados obtidos en diferentes países por outros investigadores, e tamén coa situación de forte crise do período analizado.

A investigación de Meixide apunta ao “acrecemento dos recursos propios das empresas, xa sexa mediante melloras nas políticas fiscais que fomenten o seu robustecemento, ou por medio de medidas para os posibles accionistas que faciliten os seus investimentos nas empresas que axuden a aumentar a solvencia”, sinala o autor da tese, para quen fortalecer as empresas para mellorar a súa supervivencia poder ser tamén mediante a colaboración de sociedades capital risco, fondos de investimento, que entren como socios no capital das empresas e axuden a desenvolvelas, para ser máis líquidas, rendibles e cun tamaño maior.

A exportación, unha garantía para a supervivencia empresarial

Na súa tese, Manuel Meixide sinala que a compañía exportadora é un tipo de empresa cunhas características tales que semella que pode manterse no mercado con máis facilidade. Non depender dun único mercado; que os países nos que opera poidan ter ciclos económicos diferentes; e que as entidades financeiras manteñan un mellor trato con elas debido á diversificación e estabilidade dos seus ingresos, son algunhas vantaxes das empresas exportadoras, que o autor da tese apunta na súa investigación, na que constata que as curvas de supervivencia das empresas exportadoras están por riba das que non o son: o risco de fracaso é menor (redúcese un 21,2%) para as empresas que exportan.

“Cando analizamos a empresa galega, vemos que só o 10,38% é exportadora, o que en principio non é estraño, xa que ao contar cunha estrutura baseada na pequena e micro empresa están máis centradas no mercado interno, e resúltalles máis difícil exportar, unha actividade que necesita recursos importantes, humanos, tecnolóxicos, financeiros e comerciais”, explica o economista, que apunta que son exportadoras o 8,1% das microempresas e o 60,7% das empresas grandes.

Doutra banda, tanto a rendibilidade económica como a financeira non aparecen como factores significativos de supervivencia empresarial das empresas galegas, “un resultado sorprendente, xa que son indicadores relevantes do éxito ou fracaso dunha empresa, polo menos cando hai unha situación normal da economía”, explica Meixide. O apancamento financeiro, as ratios de débeda a curto/débeda total e débeda a longo/débeda total tampouco semellan, segundo o investigador, relacionadas coa supervivencia empresarial. Así mesmo, “sorprendentemente a produtividade das empresas non parece ser un factor que inflúa na supervivencia nesta época de crise, con problemas económicos fondos”, conclúe o investigador.

Universidade de Vigo, 2022-01-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES