Notas de prensa

50 actividades para reactivar o tecido económico e cultural de Pontevedra

Contribuír á reactivación da vida cultural, académica e económica de Pontevedra é o propósito central do programa de actividades que a Vicerreitoría do campus e a Concellaría de Promoción Económica e Universidade impulsarán nos próximos meses, ao abeiro do convenio recentemente asinado entre a UVigo e o Concello de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e novas tecnoloxías.

Medio cento de actividades, todas elas gratuítas e que se desenvolverán principalmente no que resta de 2021, integran o abano de propostas impulsadas ao abeiro do convenio que este mércores presentaron o vicerreitor do campus, Jorge Soto; a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a directora da Ãrea de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo. A posta en marcha dunha aula de teatro, un programa de obradoiros, un ciclo de conversas dirixido a “repensar a cidade”, unha serie de rutas por Pontevedra e diferentes actuacións musicais son algunhas das propostas inseridas nunha programación dirixida tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía.

Segundo salientou o vicerreitor, trátase dun conxunto de actividades, resultado de “meses de traballo”, que están "á vangarda” e que abordan temáticas “de interese universitario e cidadán”, á vez que buscan como contribuír a que “Pontevedra sexa cada día máis unha cidade universitaria”. Nese senso, Soto salientou a “confianza que puxo en nós a concelleira de Promoción Económica", quen pola súa banda incidiu en que “o campus é primordial no tecido social e e económico da cidade”. Blanco explicou que tras o convenio atópanse “50 actividades, divididas en doce bloques e que se achegan a diversos ámbitos”, desde a promoción do comercio local, ata “a cultura, a educación, o medio ambiente ou o desenvolvemento tecnolóxico”. Neste punto, Agrelo lembrou que “todos estes son ámbitos que veñen de pasar uns meses ben duros debido á covid-19”, de tal xeito que o obxectivo deste convenio era impulsar “unha programación cultural e educativa vinculada coa promoción económica”.

Complementos formativos para alumnado ou empresariado

Nesta programación insírense os obradoiros da Aula Crea, unha serie de actividades formativas que teñen como eixos “a creatividade e a promoción económica” e que foron articuladas co obxectivo que de “que respondesen tanto as demandas do campus como aquelas que parten do comercio local”, apuntou Agrelo. Con inscrición gratuíta ata completar as 15 prazas ofertadas, entre estes talleres, que se desenvolverán entre setembro e novembro, figura un centrado en como introducir os videoxogos “no proceso de ensino e aprendizaxe”, así como outro de “ilustración en acción” que contribuirá a que “as persoas participantes atopen unha marca para os seus proxectos académicos ou iniciativas empresariais”. Impartidos por profesionais, esta programación complétase cun obradoiro de fotografía creativa, outro de creación de contidos para redes sociais e un taller sobre gravación 360, dirixido a promover “unha inmersión virtual nesta cidade”.

O teatro retorna ao campus

Outra das propostas será a “recuperación da aula de teatro”, coa que xa contan os campus de Vigo e Ourense, pero non así o pontevedrés, “que si a tivera anos atrás”. Esta aula, explicou Agrelo, terá como sede a Facultade de Belas Artes e buscará completar o achegamento ao “proceso de creación teatral” coa preparación dunha montaxe coa que participar na Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu). Asemade, esta actividade verase complementada polas representacións teatrais “doutras universidades nacionais e internacionais” que a cidade acollerá na primavera de 2021.

Pensar e percorrer a cidade

Coa cidade como un dos seus “epicentros fundamentais”, nesta programación insírese un ciclo de conversas entre profesionais do xornalismo e “figuras que teñen un coñecemento e unha traxectoria profesional” vinculadas á idea da cidade, coas que se buscará “revisitar Pontevedra desde esa perspectiva de reflexión e análise”, apuntou Agrelo. Tratarase de encontros mensuais, nos que xa está confirmada a participación do investigador da UVigo, recoñecido coa bolsa Starting Grant do ERC, e responsble do Post-growth Innovation Lab Mario Pansera; da arquitecta e ex-conselleira Teresa Táboas, do pintor e escritor Antón Patiño e do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

Outra das propostas centradas na cidade será unha “serie de roteiros que nos permitirán visualizar Pontevedra desde múltiples enfoques; desde o patrimonial, o cultural, o botánico e tamén desde o propio comercio”, adiantou Agrelo. Así mesmo, tamén se impulsarán uns premios para traballos de fin de grao e mestrado dirixidos a “apoiar os proxectos de aquel alumnado que sitúa a creación, a innovación e a Pontevedra no epicentro das súas investigacións”.

Música, cinema, ciencia e tecnoloxía

Outra das propostas para este cuadrimestre será un "ciclo STEM" que buscará establecer vínculos da ciencia e a tecnoloxía coa “arte, a lectura e as aprendizaxes múltiples”, salientou Agrelo. Con esa idea, desenvolveranse unha serie de “pequenos obradoiros” que levarán a “construír relatos a partir de circuítos electrónicos”, a afondar “nas ficcións dixitais dentro dun mundo líquido”, a abordar as aplicacións da intelixencia artificial e á “recuperación e espazos dentro da cidade desde a perspectiva da sostibilidade”.

Xa no eido cultural, a programación abranguerá unha serie de concertos de “grupos galegos de diferentes tendencias”, así como unha actividade que vinculará música e integración e un ciclo de “ecopercusión”. Por outra banda, esta colaboración entre Concello e Universidade buscará tamén, salientou Agrelo, “involucrármonos de forma máis decidida” no festival Novos Cinemas, ao abeiro do que se desenvolverán “toda unha serie de actividades diversas e plurais”, como obradoiros, proxeccións, clases maxistrais, encontros cinematográficos ou proxeccións.

Universidade de Vigo, 2021-09-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES