Notas de prensa

Publicada unha metodoloxía para estudar a capacidade de carga turística do Camiño Francés

Investigadores da Universidade de Santiago desenvolveron unha metodoloxía específica para estudar a capacidade de carga turística do Camiño Francés. Este é un concepto técnico que mide o número de visitantes ou persoas usuarias dun recurso turístico unha vez que se teñen en conta aspectos como a superficie dispoñible, as condicións climáticas ou as limitacións derivadas da xestión administrativa do recurso.

As características específicas da ruta xacobea fixeron necesario unha metodoloxía propia para calcular o número máximo de persoas que podería acoller sen provocar sensación de saturación.

Os resultados que achega a nova metodoloxía indican que o aumento da distancia interpersoal entre peregrinos e entre grupos provocarían un impacto moderado sobre a capacidade de carga, “reducíndoa arredor dun 18% respecto ao escenario pre-COVID”, cuantifica o profesor Roberto Bande, autor desta investigación, accesible nunha memoria e un vídeo divulgativo e que acadou o financiamento da convocatoria de proxectos de investigación para 2020 da Cátedra institucional do Camiño e as Peregrinacións, promovida pola USC e Turismo da Xunta de Galicia. Canto máis prudente sexa o comportamento, incrementando a distancia persoal, maior será o seu efecto sobre a capacidade de carga, “podendo chegar a reducirse ata un 50%”, engade a modo de estimación o investigador.

Para o cálculo da capacidade de carga, o investigador tivo en conta aspectos como a cantidade de horas de luz diúrna dispoñibles cada mes, a lonxitude das etapas, a velocidade media dos peregrinos ou temperaturas medias e días de precipitación intensa, “xa que todos estes aspectos inciden no número máximo de peregrinos que poden coincidir”, explica Roberto Bande. Incorporando todos estes aspectos á análise, actualizáronse os cálculos realizados no marco dun traballo previo realizado polo mesmo autor xunto con persoal investigador do Grupo de Análise e Modelización Económica da USC (GAME) e realizáronse diferentes cálculos alternativos para analizar o impacto das medidas de distanciamento entre persoas. Deste xeito, para afinar o cálculo da carga, incrementouse a distancia entre persoas a dous metros e procedeuse á simulación de diferentes escenarios en función dunha maior ou menor distancia entre grupos, xa que existe a tendencia a realizar o camiño acompañados.

Oferta hostaleira

O estudo compleméntase cunha análise da presión de demanda sobre a oferta hostaleira durante a pandemia. Así, calculouse o número de persoas que peregrinan por etapas e mes e comparouse coa oferta estimada de aloxamentos hostaleiros nas diferentes cabeceiras de etapa do tramo galego. Os resultados indican que a caída na demanda foi maior que a redución da capacidade de carga, polo que a demanda non ten provocado problemas de presión de demanda sobre unha oferta de aloxamento que se foi adaptando ás necesidades da demanda. Polo tanto, existe capacidade hostaleira dispoñibles suficiente como para atender posibles subidas na demanda no caso de que se foran flexibilizando as restricións, aclara o investigador.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) O Pacto Mundial da ONU é a iniciativa de Nacións Unidas que lidera a sustentabilidade empresarial no mundo. Conta con máis de 20 anos de experiencia e máis de 70 redes locais a nivel global, entre elas, a española. O Cactus do Campus Terra da USC acolleu este luns 6 a xuntanza deste órgano que ten como obxectivo fomentar a implantación dos Dez Principios do Pacto Mundial ao mesmo tempo que promove a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no sector empresarial, sendo a única organización que conta co mandato de Nacións Unidas para este propósito.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura impulsa a transformación artística do patrimonio sonoro galego a través de dúas residencias dos artistas Xoán-Xil López e Matilde Meireles. Faino a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival RESIS de música contemporánea e co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). No proxecto titulado Sereas, o lugués Xoán-Xil López está a dar forma a un concerto inspirado no levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857, cando estas se revelaron contra a mecanización da produción arroxando ao mar as máquinas adquiridas pola empresa.

Notas

O Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science regresa a vindeira semana e nesta nova edición estará presente 500 cidades de 25 países, entre elas, 67 cidades de España como Ourense e Vigo. Será a novena vez que esta iniciativa de divulgación científica se celebre en España, propoñendo bares, pubs e cafeterías como punto de encontro entre científicos e científicas e o público xeral.
Un consorcio formado por persoal investigador das tres universidades galegas, liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela pola docente Luzia Oca e a ONG Ecos do Sur, están a traballar no proxecto ‘Mulleres á fronte dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES