Notas de prensa

Galicia participa con voz e voto na primeira xuntanza do novo Conselho Consultivo do Caminho de Santiago en Portugal

A constitución deste Conselho, ven reforzar a alianza entre Portugal e Galicia, para avanzar de xeito conxunto na posta en valor dos Camiños que atravesan o país luso, sendo Galicia a única entidade non portuguesa presente neste Conselho, que se constituiu en Lisboa, no Pazo da Ajuda, sede do Ministerio de Cultura. Dentro desa alianza, a Xunta brindou a súa colaboración para achegar a súa experiencia na certificación e a xestión integral das Rutas Xacobeas

Este órgano consultivo, que está constituído por quince membros, é o órgano asesor da Comissão Ejecutiva do Caminho de Santiago, o órgano de coordinación xacobeo no ámbito nacional portugués. Trátase dun novo ente que, xunto co Conselho Científico do Caminho de Santiago, traballa tanto para a certificación das rutas xacobeas no país luso, como na xestión, salvagarda, valorización e promoción dos Camiños de Santiago en Portugal.

A esta primeira reunión e acto de constitución solemne, presidida pola directora xeral de Patrimonio Cultural da República portuguesa, Paula Silva, asistiu en representación da Xunta de Galicia o director de Administración e Relacións cos Amigos do Camiño, Isaías Calvo. Entre as funcións do Consello Consultivo do Camiño de Santiago de Portugal destacan a preservación do patrimonio natural, histórico, artístico e cultural, a avaliación das medidas de certificación asociadas aos Camiños de Santiago, así como a atención e a acollida aos peregrinos.

Na reunión, na que Galicia brindou a súa colaboración en base a súa experiencia na certificación e xestión integral das Rutas Xacobeas que transitan pola nosa Comunidade, tratáronse diferentes asuntos tales como a organización dos traballos do Consello Consultivo ou a aprobación da metodoloxía e dos regulamentos de funcionamento interno da Comisión certificadora, que é responsable en última instancia da salvagarda, sinalización e acompañamento de peregrinos nas rutas portuguesas. Tamén se aprobou o procedemento de valoración da certificación asociado ás funcións e responsabilidades deste Consello asesor.

Rutas en auxe

Ademais da Xunta de Galicia, forman parte deste Consello administracións locais lusas, institucións eclesiásticas e outras entidades de interese e utilidade pública para o mantemento das infraestruturas relacionadas co Camiño, para a promoción do turismo e da cultura, para a salvagarda da paisaxe, así como para a preservación do patrimonio histórico vencellado ao Camiño de Santiago.

O Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa son dous dos itinerarios que están experimentando unha gran revitalización. De feito, o Camiño Portugués foi percorrido este ano xa por máis de 54.000 peregrinos, rexistrando un incremento de preto do 9% con respecto a hai un ano e situándose como o segundo itinerario máis percorrido. Pola súa banda o Camiño Portugués da Costa foi transitado por máis de 15.476 peregrinos, un 43% máis que hai doce meses, pasando a ser terceiro máis transitado. Así pois, en conxunto, nos primeiros oito meses do ano recolleron a Compostela preto de 70.000 peregrinos procedentes dos Camiños Portugueses.

Deste xeito, a participación de Galicia no Consello Consultivo do Camiño de Santiago de Portugal vén a reforzar a alianza estratéxica entre Portugal e Galicia na procura da promoción e da dinamización do Camiño de Santiago na Península Ibérica, desde Europa e para o mundo.

Xunta de Galicia, 2019-09-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES