Notas de prensa

Catro espazos da Costa da Morte destacan o seu patrimonio mariñeiro coa exposición 'O océano que nos une'

Laxe é a primeira parada da exposición "O océano que nos une" na Costa da Morte. Esta mostra itinerante da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos quedou inaugurada no Museo do Mar nun acto celebrado esta mañá e permanecerá neste espazo ata o vindeiro 25 de agosto. Todos os interesados poderán visitala os días 15, 16 e 17 de agosto en horario de mañá (de 11:00 a 14:00 horas) e desde o día 18, de xoves a domingo de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

Na presentación desta mañá, representantes do proxecto Morada Atlántica, expuxeron os avances levados a cabo ata o momento, explicando as principais características dos espazos que actualmente forman parte da Rede REMA. Pola súa parte, Raquel Lema Allo, concelleira delegada de Comercio, Hostalería e Turismo de Laxe, foi a encargada de presentar o Museo do Mar aos asistentes, que posteriormente desfrutaron dun percorrido guiado polos dez paneis divulgativos que conforman esta exposición itinerante.

O legado fotográfico dos Vidal

"O océano que nos une" amosa os puntos clave dos museos galegos incorporados á rede REMA nunha primeira fase de adhesión. No caso do Museo do Mar, destácase o incalculable valor da herdanza de dous fotógrafos locais: José Vidal Díaz e Plácido Vidal García, que capturaron a vida da Costa da Morte a través de máis de 67.000 imaxes. Un legado fotográfico que foi declarado recentemente Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia.

Percorrido pola Costa da Morte

Unha vez remate a exposición en Laxe, "O océano que nos une" trasladarase a outros puntos da Costa da Morte para poñer en valor o patrimonio mariñeiro dos seus espazos, como é o caso do prolífico traballo do eremita alemán Manfred Gnädinger, máis coñecido como "Man", os arquivos históricos dos pescadores da Confraría de Caión, a homenaxe á olería que se fai desde o Ecomuseo Forno do Forte ou o patrimonio marítimo de toda Galicia presente no Museo da Pesca de Fisterra.

O seu seguinte destino é Caión, onde permanecerá no Arquivo da Pesca do 29 de agosto ao 8 de setembro. A lonxa turística de Fisterra é o espazo elixido para acoller os dez paneis nesta localidade, do 12 ao 22 de setembro.

Tras unha breve estancia no Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos, "O océano que nos une" volverá a este territorio para visitar o Museo Man de Camelle, do 10 ao 20 de outubro. A exhibición rematará o seu camiño no Centro Cívico de Malpica, do 24 de outubro ao 3 de novembro.

Unha rede en evolución

A Rede de Espazos Museísticos Atlánticos é un dos eixos vertebradores de Morada Atlántica, un proxecto colaborativo impulsado polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, que inclúe entre os seus socios oito GALP de Portugal, tres de Andalucía e un procedente das Illas Canarias.

O proxecto Morada Atlántica foi aprobado pola Consellería do Mar e está financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro de Galicia, 2019-08-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES