Notas de prensa

Luciano Varela recibe a Medalla de ouro da Irmandade Xurídica Galega pola defensa da lingua

O Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela acolleu este mediodía a celebración da XI Asemblea da Irmandade Xurídica Galega, á que asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. No curso da dita asemblea, incorporáronse 21 novos membros á Irmandade e o maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela Castro recibiu a súa insignia de ouro, ademais de ser nomeado Irmandiño de Honra.

Na súa intervención, o secretario xeral de Política Lingüística gabou a traxectoria do homenaxeado “tanto no ámbito estritamente xurídico como no do compromiso pola extensión da lingua galega a este espazo” e mostrou a súa satisfacción “polo feito de que a Irmandade Xurídica Galega vexa incrementado nada menos que en 21 o número dos seus membros, que coa súa adhesión á Irmandade se comprometen coa promoción da lingua propia de Galicia no ámbito do Dereito”.

Xunto a Valentín García compartiron a mesa presidencial Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega; Antonio López, reitor electo da Universidade de Santiago; Xosé Xoán Barreiro Prado, maxistrado; Consuelo Castro Rei, avogada do Estado; Celsa Muñoz Leira, prouradora; e Xosé Antón Gómez Segade, catedrático xubilado de Dereito Mercantil. Interviñeron ademais o avogado do Estado Benito Montero Prego, encargado de facer a louva do maxistrado homenaxeado, e o propio Luciano Varela, quen agradeceu a distinción.
Un xurista defensor do idioma

Luciano Varela Castro (Pontevedra, 1948) é maxistrado do Tribunal Supremo. A Irmandade Xurídica Galega acordou concederlle a súa insignia de ouro e nomealo Irmandiño de honra, tal e como se recolle nas actas de reunión da entidade, “polos moitos méritos que nel concorren na defensa do idioma galego, que se concretan na emisión de sentenzas, codirección do Dicionario xurídico galego e a formación de opositores a xudicaturas co seu compañeiro tamén maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado, creadores dunha escola de xuristas preocupados pola nosa identidade cultural e lingüística”.

Irmandade Xurídica Galega, 2018-05-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES