Notas de prensa

A Galiciencia celebra a súa primeira edición de primavera co cambio climático como protagonista

Esterilización de quirófanos para zonas de guerra, depósitos de móbiles para as escolas, unha banda de rock formada por robots e un sistema que alerta de condicións de risco extremo para previr incendios son só unha pequena mostra dos cerca de 80 proxectos que participarán a próxima semana na Galiciencia 2018.

A décimo terceira edición da maior feira científica de Galicia supón o inicio dunha nova etapa coa celebración da súa primeira edición de primavera, na que o cambio climático será o tema central. O evento volve así só seis meses despois da anterior edición, que tivo lugar por última vez no outono logo de doce anos.

En total, foron seleccionados 50 proxectos de Secundaria e Bacharelato e 27 de Primaria que serán expostos entre o mércores 9 e o venres 11 de maio no recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense). Entre eles, atópase o proxecto que o pasado sábado resultou gañador do XIX Premio Luís Freire de Investigación Científica na Escola na modalidade da ESO.

Como xa vén sendo habitual, mentres que os de Primaria se exhiben fóra de competición, os premios aos mellores proxectos de Secundaria e Bacharelato serán disputados por equipos procedentes de 30 colexios e institutos de toda Galicia e Cataluña.

A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia alcanza as 1800, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes. Todos eles recibirán á súa chegada unha pulseira cun código QR que poderán escanear para ter toda a información actualizada sobre a Galiciencia, antes, durante e despois da súa celebración.

No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2019. Os vencedores da edición 2017 da Galiciencia, do Colexio Montecastelo de Vigo, volveron o mes pasado de Cataluña co primeiro premio na feira catalá, o que á súa vez os levará a representar a España no certame europeo Expo-Science Europe, que se celebrará en xullo na cidade polaca de Gdynia.

O segundo equipo clasificado recibirá apoio económico para participar na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que ten lugar cada ano na primavera en Bilbao. Hai só uns días, os alumnos de Aulas Tecnópole que quedaran no segundo posto na Galiciencia 2017 lograron tamén o primeiro premio na feira vasca. Por último, o equipo gañador do terceiro premio nesta Galiciencia recibirá apoio para participar no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

Cambio climático

As actividades paralelas deste ano terán o cambio climático como protagonista. A primeira delas supuxo o lanzamento dun desafío que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final o venres 11. En “Atrévete co cambio climático!” participaron escolares de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a vitoria presencialmente durante a Galiciencia.

Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en talleres nos que se poderán iniciar na sensibilización sobre o cambio climático. A través de experimentos interactivos, os participantes coñecerán en profundidade conceptos coma o quencemento global e o efecto invernadoiro e tomarán conciencia sobre o xeito no que a acción humana inflúe sobre eles. Estes serán tamén os temas centrais do espectáculo científico que poderá seguirse o xoves en streaming (retransmisión en directo por internet) desde calquera centro escolar ou desde a casa.

Tecnópole, 2018-04-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo-peregrinacions-santiago.jpg) O Museo das Peregrinacións e de Santiago celebrará esta fin de semana obradoiros, concertos e un espectáculo de danzas do mundo no para conmemorar o décimo aniversario da apertura, na compostelá Praza das Praterías, da súa sede expositiva, un programa diverso e aberto a todos os públicos, para recoller a mesma esencia e cerna do museo. A programación do sábado, día 8, botará a andar ás 10,30 horas coa artesá Cristina Molares, quen desenvolverá un obradoiro de demostración de vidraría artística. Pola tarde, será a quenda de concertos musicais nas propias salas do museo para os que non será necesario inscribirse. A primeira das actuacións será a de Ãlex Salgueiro, ao clavicordio; á que lle seguirá Eloi Pérez cun repertorio de melodías celtas interpretadas con gaita irlandesa, e que rematará Juan Collado, un dos fundadores do grupo Odaiko Percussión, cun concerto de vibráfono.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro seco e moi cálido. En concreto, o pasado mes caracterizouse por unha primeira parte, ata o día 18, con predominio de altas presións, que deixaron tempo seco e moi cálido. A partir do día 19, as temperaturas descenderon e as precipitacións foron aparecendo con máis frecuencia e intensidade. Con todo, as temperaturas medias do mes quedaron moi por riba do que sería de agardar en outubro e as precipitacións que se foron acumulando nos últimos días non puideron chegar aos valores propios deste mes na maior parte de Galicia.

Notas

Tras unha década sen que o acordo de descentralización de Medicina se fixese efectivo e case medio ano despois de que a UDC solicitase a implantación do grao, os reitores do Sistema Universitario Galego confirmaron en Santiago de Compostela a consecución dun preacordo entre as tres universidades, que terá que ser validado, primeiro polo grupo de traballo, do que tamén forman parte as consellerías de Educación e Sanidade, e representantes da Facultade de Medicina e do SERGAS.
A UDC vén de celebrar o acto de entrega dos Premios de Emprendemento, unha das actividades incluídas na xornada UDC TALENTO, a I Feira de Emprendemento e de Apoio ao Emprego da UDC desenvolvida no marco de IMPULSA-T. O acto deu comezo coa entrega dos Premios Santander X Spain Awards, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer as ideas de negocio universitarias e startups máis innovadoras e prometedoras.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES