Notas de prensa

Os selos de homenaxe a Santiago e ao Camiño actúan como peregrinos que espallan a mensaxe fraterna de Galicia

Feijóo di que o Camiño de Santiago e Correos teñen un común denominador: “Ambos comunican e constrúen Comunidade nunha teima que se remonta nos tempos” e resalta que a Xunta e Correos traballan nunha peregrinación singular en outono en Williamsburg, Estados Unidos, cunha exposición que percorrerá cinco cidades de América do Norte.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o labor dos selos homenaxe a Santiago e ao Camiño como peregrinos que, igual que os peregrinos tradicionais, axudan a espallar a mensaxe fraterna que Galicia envía.

Durante o acto de presentación dos selos Patrimonio Mundial. Santiago de Compostela e Camiño Costeiro, Feijóo afirmou que o Camiño de Santiago e Correos teñen un común denominador: “Ambos comunican e constrúen Comunidade nunha teima tenaz que se remonta nos tempos”, dixo, recordando que desde 1937 a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre edita un selo conmemorativo de cada ano santo compostelán. Un total de 69 selos que divulgaron por todo o mundo diferentes monumentos e lugares de Compostela e a Ruta Xacobea.

Nesta mesma liña, subliñou que a Xunta puxo en marcha no 2015 o Plan director do Camiño de Santiago que está orientado ao Xacobeo 2021, potenciando a internacionalización, con peregrinos dos cinco continentes, e a diversificación a través de todos os itinerarios que percorren Galicia.

Así mesmo, lembrou que a comezos de ano se creou a Comisión organizadora do Xacobeo 2021; neste mesmo mes reuniuse, ademais, o pleno do Consello Xacobeo, no que se aprobou que Galicia presida o novo grupo de traballo creado para a promoción e difusión do ano santo; “e a finais de 2018 conmemoraremos o XXV aniversario da declaración pola Unesco do Camiño Francés como Patrimonio Mundial”, dixo, ao que engadiu o compromiso do Goberno central de outorgar bonificacións fiscais aos patrocinadores do Xacobeo durante tres anos.

Con máis da metade das actuacións do plan en marcha, o presidente do Goberno galego resaltou que, neste ano 2018, os traballos se centran no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa, coa construción dun novo albergue no casco vello de Vigo.

Ao longo da súa intervención, Feijóo quixo agradecer a atención e colaboración de Correos no feito xacobeo co que Galicia segue axudando a conformar o mundo; e que ademais ten unha forte repercusión nos concellos rurais. Non en van, segundo un estudo da Universidade de Santiago, cada peregrino supón o mesmo impacto económico que 2,3 turistas nacionais.

Por último, o presidente do Goberno galego resaltou que a Xunta e Correos están a traballar tamén nunha peregrinación singular que se iniciará en outono en Williamsburg, Estados Unidos, cunha exposición que percorrerá cinco cidades de América do Norte, incluíndo Chicago e Nova York. Unha iniciativa que axudará a facer máis coñecidas as rutas xacobeas e a Galicia, que o ano pasado visitaron 17.000 peregrinos estadounidenses.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2018-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES