Notas de prensa

A RAG presenta un total de 29 reflexións sobre as Irmandades para ollar o futuro

Vinte e nove contribucións sobre as Irmandades da Fala expostas no ciclo organizado pola Real Academia Galega co gallo do centenario da fundación deste movemento forman o novo volume editado pola Sección de Literatura da institución. O volume distribúe os textos en 8 capítulos fundamentais "para entender a realidade social e cultural da Galicia contemporánea".

Publicado co apoio da Deputación de Pontevedra, No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos xunta as achegas dos relatores e relatoras que protagonizaron no segundo semestre de 2016 os encontros co mesmo nome dedicados a un movemento que deu "un chimpo cualitativo e cuantitativo que fundamenta os principios da normalización" da lingua e que constituíu, en definitiva, un "capítulo fundamental para entender a realidade social e cultural da Galicia contemporánea", recorda no limiar o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Cuberta do libro

Organizado en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia, o ciclo percorreu oito localidades do país (A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Lugo, Ferrol e Vigo) cunha serie de sesións nas que se abordou o significado das Irmandades nos campos da literatura, a lingua e a estética. Agora quedan rexistradas nun libro que xunta reflexións, lecturas e propostas "para entender o significado das Irmandades non só mirando cara ao pasado, senón tamén para o presente e para o porvir", explican na presentación os editores, Henrique Monteagudo e María Dolores Sánchez Vales. "Temos a certeza de que supoñen unha achega moi significativa para mellorar a nosa comprensión das Irmandades, e con ela, das tarefas que temos por diante para seguir facendo país", conclúen.

O volume distribúe os textos en oito capítulos. Os catro primeiros céntranse en distintos xéneros literarios. O primeiro, "Oratoria e prosa non ficcional", fórmano as achegas de Xesús Alonso Montero, Arturo Casas e Teresa López. Séguenlle "Novos vieiros para a narrativa", coas contribucións de Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás e Camiño Noia Campos; "Un novo teatro galego", cos escritos de Laura Tato Fontaíña, Euloxio R. Ruibal e Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes; e "Unha poética anovadora", cos relatorios de Xosé Ramón Pena, María Xesús Nogueira Pereira, Miro Villar e Xosé Luís Axeitos.

O quinto capítulo, baixo o título "Reivindicación e modernización da lingua", permite ler as contribucións ao ciclo de Rosario Ãlvarez, Antón Santamarina e Henrique Monteagudo. As achegas relacionadas coa prensa centran o seguinte, "A conquista do público", que recolle os relatorios de Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo Andión, Xan Carballa e Carme Vidal. Pechan o volume "Intelectuais, xornalistas, escritores", coas achegas de Emilio Xosé Ãnsua, Antón Costa Rico, Olivia Rodríguez González, Francisco Fernández Rei, Isabel Seoane e Manuel Roca Cendán; e "Imaxe e identidade", coas de María Victoria Carballo-Calero, Pepe Barro e Siro López.

Real Academia Galega (RAG), 2018-01-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES