
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación da XLVI edición do Belén de Begonte, que abrirá ao público o sábado 2 de decembro e, como é habitual, poderá ser visitado ata o último fin de semana de xaneiro, en concreto ata o sábado 27.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou durante a presentación o gran traballo realizado polos organizadores nestes 46 anos de traxectoria, nos que o Belén traspasou fronteiras, é visitado por milleiros de persoas de toda Galicia e doutras provincias do entorno, e tamén sumou o fenómeno turístico ao que naceu como unha iniciativa relixiosa e cultural. Todo elo, engadiu, co apoio entusiasta de todo o pobo de Begonte.
Na presentación participaron tamén o alcalde de Begonte, José Ulla, e Xesús Domínguez Guizán e Xulio Xiz, presidente e vicepresidente respectivamente do Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán, responsable da organización.
Nesta ocasión o pregoeiro será Alfonso Cabaleiro, director de Galicia Calidade. O acto de apertura celebrarase o día 2 a partir das 18.00 horas, primeiro na igrexa parroquial de Begonte e posteriormente no Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán, coa apertura do Belén e do Museo José Rodríguez Varela, anexo ao Belén e que leva o nome do seu creador.
O Belén, que este ano introduce dúas novas figuras, compleméntase coa convocatoria de certames culturais. Así, celébrase o XXVIII Certame galego de arte José Domínguez Guizán; o prazo para presentar os traballos remata o 25 de decembro.
Organizarase en Begonte e en Lugo, na sede da Delegación Territorial da Xunta, unha exposición coas obras presentadas a este certame. Igualmente, a Delegación Territorial acollerá dende o día 15 de decembro a exposición de fotografía Imaxes do Belén.
O día 25 de decembro remata o prazo para presentar os traballos ao XLII Certame de debuxo infantil sobre o Nadal, e o día 6 de xaneiro de 2018 é o último para entregar os do XLII Certame nacional de poesía sobre o Nadal e o XLII Certame xornalístico Begonte e o Nadal.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.