Notas de prensa

Prográmanse actividades gastronómicas, musicais e marítimas arredor do Pergamiño Vindel

Comeza en Bueu o ciclo ‘Un vermú por Vindel’, que leva ás librarías conversas arredor das cantigas de Martín Códax. Continúa en Baiona o obradoiro ‘Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax’, unha charla-concerto a cargo do grupo Pres de Cambrai. As travesías ‘Ondas do mar de Vigo’ pechan unha actividade na que xa participaron 600 persoas.

A Consellería de Cultura e Educación continúa coa programación de actividades que acompaña a exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, na que se exhibe por vez primeira o manuscrito coas cantigas de amigo de Martín Códax acompañadas de melodía. Distintas localidades galegas van acoller iniciativas que afondan no coñecemento de distintos aspectos do tempo de Martín Códax e da lírica medieval galego-portuguesa.

En Bueu o ciclo Un vermú por Vindel, que achega ás librarías conversas entre libreiros, expertos e público en xeral. Coa figura de Pedro Vindel como referente, a Secretaría Xeral de Cultura ofrece a posibilidade de analizar o papel do libreiro como dinamizador cultural e mediador entre lectores e libros, así como de departir sobre as cantigas de Martín Códax e a lírica trobadoresca.

As sesións, de carácter gratuíto, desenvólvense os sábados, ás 12:00 horas. O vindeiro día 18 de novembro a cita é na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa de Bueu. O anfitrión vai ser o libreiro Fernando Miranda, propietario da Librería Miranda, e a experta en literatura medieval e profesora da Universidade de Santiago de Compostela Mariña Arbor. As persoas interesadas en asistir ao vermú poden inscribirse na Libraría Miranda.

O ciclo continúa e trasládase a Vigo, onde o día 25 será a librería Espacio Lector Nobel de Gran Vía a que acolla o vermú, tamén con Mariña Arbor como experta e a libreira Maribel Ferreiro como anfitrioa. O sábado 2 de decembro a cita trasládase á librería Librouro, da man do seu propietario, Xurxo Patiño, e do catedrático de Lingua e Literatura Galega Xosé Ramón Pena. O día 9 de decembro, a librería Prisma recolle o testemuño e alí a libreira Verónica Vázquez e o xornalista gastronómico Miguel Vila compartirán o vermú con todos os interesados en participar na actividade.

A música no tempo de Martín Códax

Continúa o obradoiro que leva o título de Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax. Este sábado 18 de novembro celébrase a terceira sesión, na que, co formato de charla-concerto, o grupo Pres de Cambrai interpreta mostras da música dos séculos XII e XIII con réplicas de instrumentos medievais, realizadas por diferentes obradoiros de artesáns. A convocatoria é na Casa da Navegación de Baiona, ás 18.00 h. e a capacidade está xa completo.

Aínda é posible inscribirse para participar na derradeira sesión do ciclo, que terá lugar na sala de exposicións do Auditorio de Cangas, o sábado 25, ás 19.00 h. O obradoiro é de balde.

Ondas do mar de Vigo

Chegan tamén á súa derradeira fin de semana as travesías marítimas Ondas do mar de Vigo, que ofrecen un percorrido guiado en barco seguindo o ronsel de Martín Códax e dos trobadores do mar de Vigo comezando no porto de Alcabre, pasando por diante do Museo Meirande para chegar á illa de San Simón, onde se realiza unha visita, e volver despois ao porto de orixe. As travesías, que teñen unha duración aproximada de tres horas, son gratuítas e teñan xa completa a inscrición.

O Pergamiño Vindel en Galicia

Estas actividades son algunhas das múltiples iniciativas que a Xunta está programar en toda a comunidade, vencelladas á mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se exhibe no Museo do Mar de Galicia ata o vindeiro 4 de marzo de 2018. A exposición, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul, ten como eixo central o manuscrito de finais do século XIII que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, seis delas coa melodía, e que constitúen o único exemplo conservado deste xénero con notación musical.

Tamén continúa aberto o prazo de inscrición para participar no certame de videocantigas Vindevídeos, organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e dirixido a alumnado e profesorado de centros educativos galegos. Cada centro poderá enviar ao concurso un máximo de tres vídeos en calquera técnica cuxa temática estea relacionada coa cultura trobadoresca na que se xeraron as cantigas medievais galego-portuguesas.

Na páxina web de Cultura, en https://www.cultura.gal/gl/programacion-actividades, pode consultarse toda a programación de actividades que a Xunta de Galicia está a desenvolver arredor da mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-11-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES