Notas de prensa

A autora de Estiu 1993, seleccionada por España para os Oscar, abre a temporada 2017-2018 do CGAI da Coruña

Carla Simón presenta a súa ópera prima, Estiu 1993, en dúas sesións o xoves día 14 de setembro, ás 18 e ás 20,30 horas, como apertura da nova temporada 2017-2018 no CGAI. Os premiados na última edición de Novos Cinemas, a cantautora Silvia Penide e o centenario de Fernando Rey marcan tamén o inicio do curso.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia a programación cinematográfica da temporada 2017-2018 o vindeiro xoves 14 de setembro con Estiu 1993, da catalá Carla Simón. O filme, seleccionado hoxe pola Academia de Cine para representar a España nos Oscar, chega á carreira polo galardón logo de obter premios no festival de Berlín e o de Málaga, entre outros.

A película conta a historia de Frida, unha nena de seis anos que afronta o seu primeiro verán orfa, tras perder a súa nai por unha enfermidade. Deixa a cidade de Barcelona para ir vivir cos seus tíos a unha vila da Garrotxa pirenaica. A fita desenvolve os diversos problemas de adaptación da rapaza, tanto polo cambio de ambiente como a vivencia do dó, cun guión honesto que parte dunha experiencia propia.

A sensibilidade da directora para trasladar estes sentimentos á pantalla, unida á pegada da nena protagonista, teñen levado a crítica a comparala con clásicos do cine español como Cría cuervos de Carlos Saura ou El espíritu de la colmena de Víctor Erice. A realizadora explicará o seu proceso creativo no CGAI en dúas sesións da longametraxe, ás 18 e ás 20,30 horas, establecendo un diálogo cos espectadores que asistan.

Óperas primas para o inicio da temporada

As sesións entran no marco de colaboración do CGAI co festival Novos Cinemas de Pontevedra, centrado en mostrar primeiras e segundas obras. A filmoteca mostra as catro gañadoras da última edición, todas elas referentes da temporada e cun amplo percorrido por citas cinematográficas internacionais.

Entre o 14 e o 20 de setembro, o CGAI mostrará Occidental, de Neil Beloufa, unha satírica historia en torno ás recentes protestas políticas das rúas de París; Le parc de Damien Manivel, filme onírico sobre unha parella de adolescentes premiado en Novos Cinemas co galardón principal; e a italiana I tempi fellici verranno presto, película que mestura o documental e o fantástico e que supón a consolidación crítica de Alessandro Comodin.

Outra das primeiras sesións da nova temporada é a do sábado 16, na que a cantautora Silvia Penide presenta os seus últimos videoclips e ofrece un directo. Xa a partir do 21 de setembro comezan o ciclo dedicado a celebrar o centenario do actor coruñés Fernando Rey, en colaboración coa exposición fotográfica que acolle o Quiosco Alfonso co fondo fotográfico que a familia do intérprete depositou no CGAI.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-09-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES