Notas de prensa

O Centro Dramático Galego pecha en Vigo a xira do espectáculo Martes de Carnaval

O Teatro Afundación acolle o xoves 22 de xuño ás 20,30 h. a montaxe coa que a compañía pública leva a escena, por vez primeira en galego, os esperpentos de Valle-Inclán "As galas do defunto" e "A filla do capitán". A produción regresa á sede do CDG en Santiago para ofrecer as últimas exhibicións do 28 de xuño ao 16 de xullo.

O Centro Dramático Galego (CDG) representará o xoves 22 en Vigo Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, que conclúe aquí a súa xira por oito escenarios de Galicia e Valencia antes de regresar a Santiago para un último período de exhibición. O público vigués poderá ver este espectáculo, integrado polas primeiras versións en galego de As galas do defunto e A filla do capitán, ás 20,30 h. no Teatro Afundación.

A directora do CDG, Fefa Noia; a coordinadora adxunta da Ãrea de Cultura de Afundación, Paloma Vela; e a actriz María Roja presentaron a función, para a que as entradas xa están á venda en www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500 e nos despachos de billetes das sedes de Afundación en Vigo, Ourense, Santiago e A Coruña, así como na Central de Espectáculos de Vigo.

A creadora pontevedresa Marta Pazos encargouse da dirección artística das dúas pezas de Martes de Carnaval que, a partir de estéticas e ambientacións diferentes, dan conta da vixencia e da valentía da obra do gran autor arousán. Tras a liberación dos dereitos sobre a súa obra, este ano Valle-Inclán incorporouse por vez primeira ao repertorio teatral en galego.

Máis de 30 personaxes

Pazos conta para levalas a escena con dez actrices e actores, que desenvolven un moi esixente traballo interpretativo e físico: ademais de María Roja, Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e Sergio Zearreta. O elenco dálle vida aos máis de 30 personaxes que suman As galas do defunto e A filla do capitán, nunha montaxe frenética tanto en escena como entre bambolinas.

O primeiro destes esperpentos, As galas do defunto, está ambientado na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao “Madrid moderno” a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.

Diálogo cunha icona

A montaxe de Marta Pazos desenvolve unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor arousán, poñendo o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo con esta icona da literatura universal.

Xunto co persoal técnico do CDG, implicouse neste proxecto un destacado cadro artístico con profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Ãlvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro “Coti” (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).

Martes de Carnaval, que se estreou o pasado 20 de abril na sede do Centro Dramático Galego en Santiago, finaliza en Vigo un periplo durante o que tamén se representou en Tui, O Barco, Ourense, A Coruña, Rianxo, o festival Tercera Setmana de Valencia e Pontevedra. O espectáculo regresará a Compostela para unha última quenda de exhibición no Salón Teatro do 28 de xuño ao 16 de xullo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-06-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES