Notas de prensa

O cine taiwanés de artes marciais pon fin á temporada do Centro Galego CGAI

A filmoteca galega pecha a programación co ciclo ‘Taiwán na pantalla: dragóns voadores, espadas errantes, King Hu e outros mestres do cine Wuxia’. O especial recolle algúns dos fitos deste xénero, que influíu en clásicos modernos como ‘Tigre y dragón’ ou ‘Hero’ e que é o favorito de directores de Hollywood como Tarantino.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia o martes 20 de xuño o último ciclo da súa temporada 2016-2017. O programa ‘Taiwán na pantalla: dragóns voadores, espadas errantes, King Hu e outros mestres do cine Wuxia’, organizado en colaboración coa embaixada de Taiwán e o Círculo de Bellas Artes, trae á Coruña os grandes referentes deste xénero.

Traducido literalmente como “cabaleiros das artes marciais”, o wuxia revolucionou o cine de acción coas súas traballadas coreografías e unha montaxe innovadora que se deixa sentir en moitos directores do Hollywood actual, como Quentin Tarantino. Mais este xénero ambientado en épocas medievais destaca tamén pola súa vertente espiritual e poética, propia da tradición taiwanesa na que se inscribe. Estes ecos chegan ata os nosos días, influíndo en clásicos modernos como Tigre y dragón ou Hero, dous dos títulos que máis internacionalizaron o wuxia.

As grandes fitas do xénero wuxia

Precisamente a súa popularización trouxo consigo a recuperación do grande mestre do xénero, King Hu, que asinou o que está considerado o cumio do wuxia, A Touch of Zen. Esta e outras películas do mesmo período, a cabalo entre os anos sesenta e setenta, poderán verse desde mañá no CGAI, todas elas en copias dixitais restauradas.

O ciclo ábrese con outro filme destacado de Hu, La posada del dragón. Nesta dá forza ao manexo da espada no xénero, ao tomar emprestadas tradicións da Ópera de Beixín e coreografar o filme atendendo aos ritmos percusivos tradicionais en escena. Este título foi merecedor dunha homenaxe por parte de Tsai Ming-liang na emotiva Goodbye Dragon Inn.

Continúa o programa o mércores 21 de xuño con El maestro de la espada, de Joseph Kuo. Éxito de recadación, está considerada unha das fitas máis representativas do wuxia, tanto pola súa emocionante coreografía de acción que mestura a Escola do Norte das artes marciais chinesas co bushido xaponés, como pola carga filosófica contida nos conflitos emocionais do seu protagonista.

O venres 23 hai sesión dupla con A City Called Dragon e La dama de hierro, ambas as dúas bos exemplos das tramas de infiltración tan habituais no xénero e con personaxes femininos fortes. A presenza de mulleres guerreiras que levan o peso da narración é outra das características deste cine, que elevou á categoría de estrelas en China actrices como Hsu Feng, quen debuta precisamente en A City Called Dragon.

O mestre King Hu

O próximo martes 27 ten lugar a proxección máis agardada do ciclo, A Touch of Zen, de King Hu. Aquí Hsu Feng encarna unha fuxitiva en caza pola cruzada da súa familia contra a corrupción da corte do emperador. Ao redor dela o filme desprega unha multitude de personaxes que se involucran na súa loita e que constrúen así un conflito metafísico entre o mundano e o virtuoso. A Touch of Zen serviu como modelo a Tigre y dragón, unha débeda que o seu director Ang Lee recoñece ao incluír unha homenaxe no seu filme á famosa pelexa no bosque de bambú.

O ciclo remata con The Fly Dragon Mountain (mércores 28) e The Grand Passion (venres 30) para completar este repaso ás mellores fitas dun xénero que segue a ser practicado de maneira habitual, con variacións, en boa parte de Asia. Completar con éxito un wuxia é unha tarefa case obrigada para todo realizador e un reto que autores como Hou Hsiao-hsien (La asesina), Wong Kar-wai (Ashes of Time Redux) ou Zhang Yimou (La casa de las dagas voladoras) asumiron buscando prestixio. King Hu e os seus coetáneos foron os iniciadores desta forte tradición.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-06-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES