Notas de prensa

A xornada sobre dixitalización de arquivos do CCG destaca os procesos

O plan estratéxico da administración nacional e rexistros americanos (NARA), a dixitalización do museo do Real Madrid ou do arquivo Espacio P son algúns dos casos que se analizaron esta mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) no marco da xornada “Dixitalización de arquivos. Tendencias, procesos e plans de execución”.

A cita coordinada polo profesor Xosé López serviu para destacar a importancia da tecnoloxía tanto nos procesos como nos mecanismos de difusión, así como a necesidade de establecer grupos de traballo interdisciplinares para que o coñecemento que se rexistra nos arquivos chegue á cidadanía.

A cita arrincou coa descrición xeral do panorama, a cargo de Mercedes Caridad, da Universidad Carlos III de Madrid, que fixo unha aproximación á situación técnica e normativa a día de hoxe. Na súa intervención, Caridad estableceu como a UNESCO, a Unión Europea e asociacións como IFLA “marcaron os camiños polos que se debía desenvolver a dixitalización marcado por normas informáticas e documentais”. Tamén explicou casos concretos nos que ten traballado e dirixido como son a dixitalización do epistolario da Condesa de Romanones, do museo do Real Madrid ou do arquivo de loterías e apostas do Estado. O profesor Jesús Robledano Arillo explicou os parámetros dun bo modelo de dixitalización e destacou a necesidade de definir previamente os criterios e requisitos técnicos, o marco de aplicación e a base filosófica que han de rexer todo o traballo. Puxo como exemplos NARA (The Strategic Plan of the National Archives and Records Administration dos Estados Unidos) e o proceso de dixitalización do Espacio P. Ademais, destacou a importancia dos sistemas de control de calidade en todo o proceso.

Ernest Abadal, da Universitat de Barcelona, falou de como a tecnoloxía, nomeadamente as TICs, pode axudar á difusión dos arquivos. Puxo o énfase en aspectos concretos como a necesidade de estar ao día, de coñecer outras realidades, que o grupo de traballo que acometa a dixitalización sexa interdisciplinar e vencellar o arquivo á estratexia da institución. Pola súa parte, Javier Leiva Aguilera, da Universitat de Vic - Universitat Central de Catalunya, pechou os relatorios cunha conferencia “Os arquivos na sociedade rede e o papel do content curator”. Nela describiu unha nova realidade marcada por conceptos como transparencia, accesibilidade, colaboración, hibridación, e difusión. Ademais, explicou o papel fundamental que ha desenvolver un content curator, é dicir, un especialista que busca, selecciona, da sentido e comparte esa información.

Consello da Cultura Galega (CCG), 2017-06-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES