Notas de prensa

Prepárase un plan estratéxico que axude a reverter a situación demográfica

Está baseado en tres eixos de actuación: a mellora da calidade de vida das persoas maiores, o fomento das políticas que teñen que ver coa conciliación nos contornos de carácter rural e a innovación sociosanitaria aplicada ao benestar da poboación, según se expuxo na reunión de traballo da Macrorrexión do Sudoeste de Europa (RESOE).

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu á reunión de traballo da Macrorrexión do Sudoeste de Europa (RESOE), á que acudiron representantes das comunidades autónomas de Asturias, Cantabria, Castela e León, así como das rexións centro e norte de Portugal, para abordar temas de índole demográfica. Deste xeito, o titular autonómico, acompañado polo coordinador do grupo de traballo da RESOE, João Malva, explicou que todas as rexións presentes están unidas polo reto de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes no que respecta ao coidado dos nenos e nenas e tamén das persoas maiores.

Neste sentido, Rey Varela anunciou que a RESOE está a elaborar un plan estratéxico que permita traballar para responder a estes desafíos comúns, baseado en tres eixos de actuación: a mellora da calidade de vida das persoas maiores, o fomento das políticas que teñen que ver coa conciliación nos contornos de carácter rural e a innovación sociosanitaria aplicada ao benestar da poboación. “Buscamos que o desenvolvemento deste plan nos permita establecer proxectos a curto prazo para mellorar as políticas nestes campos”, afirmou o conselleiro.

Este documento global presentarase a finais deste mes de xuño en Castela e León e permitirá enfocar o traballo colaborativo para o horizonte 2020 e tamén para as seguintes décadas.

Ao fío disto, o conselleiro lembrou que a Xunta contempla dous ámbitos fundamentais relacionados co reto demográfico como é poñer o foco nas medidas de conciliación e, por outra banda, “isto vai asociado ao coidado dos nosos maiores, que é un fenómeno que temos que estudar e prever”. Na actualidade, un 24% da poboación galega supera os 65 anos e para o 2050 os indicadores arroxan que, se a taxa de natalidade se mantén nos datos dos últimos 30 anos, Galicia terá un 34% de persoas que superarán esta idade. “Temos que prepararnos para eses novos tempos e por elo, o reto demográfico ten moito que ver co coidado dos máis pequenos, pero tamén co coidado das persoas maiores: queremos que vivan máis, pero tamén que vivan mellor”, afirmou Rey Varela.

O titular autonómico explicou que “implementar esta estratexia con Portugal vai dar un carácter internacional ás nosas propostas, fundamentalmente no ámbito da Unión Europea, e propiciará unha captación de fondos europeos que nos pode axudar a mellorar as políticas que xa estamos a desenvolver así como a incorporar novas medidas”.

No encontro tamén se abordou a necesidade de atopar medidas de apoio social que eviten a perda poboacional baseada no coñecemento, a transferencia de información e a tecnoloxía de cara a xerar emprego para os mozos e mozas das rexións implicadas.

Ambos mandatarios saudaron a celebración desta reunión de vital importancia para reverter a situación demográfica a través deste plan estratéxico no que está a traballar a RESOE, co que se comeza a preparar o traballo de sensibilización política de Bruxelas para que as preocupacións destas rexións, sexan tamén as preocupacións de Europa.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-06-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES