Notas de prensa

A mostra (s8) de cinema periférico centra a 8ª edición no xénero do found footage

O festival presentou a programación que desenvolverá do 31 de maio ao 4 de xuño na Coruña, co apoio da Consellería de Cultura a través dunha subvención da Agadic e da colaboración do CGAI. O clásico do cine mudo ‘Fausto’, sonorizado en directo pola Orquestra Sinfónica de Galicia, abrirá o encontro que inclúe creacións galegas en Sinais.

O xénero cinematográfico de vangarda coñecido como found footage (metraxe atopada) será un dos protagonistas da oitava edición da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que presentou a programación que desenvolverá do 31 de maio ao 4 de xuño na Coruña. O encontro volve contar co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través dunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) como unha das sedes das súas proxeccións.

Así o explicou Jacobo Sutil, director da Agadic, durante esta presentación, na que participou xunto ao director da mostra, Ãngel Rueda, e aos representantes do resto das entidades colaboradoras. Fixo fincapé, así mesmo, na personalidade e singularidade da (S8) dentro do mapa galego de festivais audiovisuais.

Obxectos e aparicións

Para Sutil, un dos seus principais valores é o labor de divulgación de xéneros e contidos cinematográficos de vangarda, como é o caso do found footage ou cinema de apropiación, que centra gran parte da edición deste ano baixo o título Obxectos e aparicións. Trátase dun proceso que ten as súas orixes no surrealismo e que se retroalimenta do propio cinema mediante a revisión e reciclaxe de imaxes xa filmadas, ás que se lles dá un novo significado durante a montaxe.

A mostra réndelle homenaxe ao artista multidisciplinar Joseph Cornell, considerado o pai deste xénero, cuxo traballo inspirou tamén o deseño do cartel desta oitava edición. Presentaranse, así mesmo, as obras de Céline Fontaine e Luther Price, dous dos representantes máis destacados da metraxe atopada na actualidade, e o programa Found Sounds arredor da creadora holandesa Barbara Meter, ademais dunha exposición e unha clase maxistral da artista visual María Cañas como paradigma desta disciplina en España.

O director da Agadic referiuse especialmente á representación galega na programación da (S8), que volve dedicarlle a súa sección Sinais ao cinema galego de vangarda. Dunha banda, cunha sesión dedicada á cineasta Diana Toucedo, e doutra, coa selección de Sinais en Curto, que este ano reúne traballos de Carla Andrade, Jaoine Camborda, Helena Girón, Marcos Flórez e Samuel Delgado, entre outros. Ademais, a creadora viguesa Xisela Franco exhibirá na Coruña Interior, exterior, durante, a súa máis recente videoinstalación.

Como en anos anteriores, a mostra arrancará co seu tradicional cine-concerto inaugural, que este ano ofreceralle ao público o clásico do cinema mudo Fausto, de Murnau, sonorizado en directo pola Orquestra Sinfónica de Galicia no seu 25º aniversario.

Estreas

Outros dos contidos destacados serán os programas dedicados a Aldo Tambellini, un dos pais da contracultura norteamericana dos anos sesenta, e á cineasta alemá Helga Fanderl. A (S8) acollerá, ademais, a estrea mundial do filme Potamkin, do canadense Stephen Broomer, e presentará por vez primeira en España os traballos de Steve Polta, cineasta de culto e director do festival Crossroads, da Cinemateca de San Francisco, que é a mostra internacional convidada deste ano.

A programación volve incluír a sección Desbordamentos, dedicada ao cinema en tempo real ou film performance, que nesta ocasión ofrece traballos asinados polo colectivo francés Nominoë, Sally Golding, Alberto Alcoz e Blanca Viñas, considerados indispensables neste ámbito.

Unha das novidades de 2017 é a posta en marcha dun programa de bolsas de creación internacional para cineastas españois, que se convocará a partir de setembro en colaboración co LIFT-Centro de Creación e Formación de Cine Independente de Toronto. Ademais, o festival publicará 8S8, un libro-dvd de edición limitada que recollerá textos e imaxes únicas de moitos dos grandes nomes que pasaron pola Mostra de Cinema Periférico desde os seus inicios.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES