Notas de prensa

A primeira tradución ao inglés de 'Ilustrísima' pon a obra de Carlos Casares no mundo

Traducida por Jacob Rogers, ‘His Excellency’ forma parte do proxecto editorial Galician Classics, da Consellería de Cultura e Small Stations Press, que xa conta con sete libros de autores como Cunqueiro, Rosalía e Celso Emilio Ferreiro. A semana das Letras Galegas inclúe a exposición ‘Casares: arte e pensamento para Galicia’.

A semana das Letras Galegas comezou na Cidade da Cultura coa presentación da tradución ao inglés da obra Ilustrísima, de Carlos Casares, que acaba de ver a luz na colección Galician Classics, un proxecto editorial promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e mais polo selo Small Stations Press para a difusión exterior da literatura galega.

His Excellency é o título da que constitúe a primeira edición en inglés desta novela do autor homenaxeado coas Letras Galegas 2017. Trátase dunha publicación que ten como obxectivo “contribuír á proxección da obra de Casares no ámbito internacional”, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao novo libro como “unha fiestra máis para proxectar a nosa cultura no mundo”.

Segundo explicou Anxo Lorenzo esta mañá en rolda de prensa, “a tradución ao inglés de Ilustrísima que presentamos hoxe, da man de Jacob Rogers e baixo a supervisión editorial de Jonathan Dunne, forma parte do proxecto editorial Galician Classics, que conta xa con sete títulos vertidos a esta lingua de autores como Ãlvaro Cunqueiro, Rosalía de Castro, Lois Pereiro, Díaz Castro ou Celso Emilio Ferreiro”.

A innovación tecnolóxica como temática

Respecto da novela de Casares, o secretario xeral de Cultura cualificou a obra como “unha chamada contra o dogmatismo e en prol da bonhomía, valores que o escritor tamén compartía no seu carácter”. “Ademais, Ilustrísima incorpora á trama a innovación tecnolóxica no seu tempo, pola que o autor sentiu unha gran fascinación”, segundo explicou, ao tempo que recordou que Casares “foi dos primeiros escritores tecnoloxizados”. “Por todos estes motivos, Ilustrísima é unha acertada elección”, concluíu.

A novidade editorial foi presentada na Cidade da Cultura polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; polo administrador da Fundación Carlos Casares e fillo do escritor, Håkan Casares; polo editor Jonathan Dunne, pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e polo membro da Real Academia Galega Manuel González, no marco da exposición bibliográfica confeccionada pola Biblioteca de Galicia para celebrar as Letras Galegas 2017 e que leva por título Casares: arte e pensamento para Galicia.

Un percorrido pola produción de Casares

Con formada por preto de 50 pezas –algunhas delas, primeiras edicións das súas obras– a exposición realiza un percorrido pola produción de Casares. Libros, audiovisuais e carteis dos fondos da Biblioteca de Galicia, algúns deles procedentes da biblioteca persoal do escritor depositada en comodato na Biblioteca de Galicia, forman parte deste proxecto expositivo, que se pode ver no Gaiás ata o próximo 10 de xuño.

Nela, o visitante terá ocasión de se achegar ás distintas facetas do escritor, que van desde a de autor literario, á de intelectual que se preocupou por divulgar os autores galegos históricos, pasando pola súa faceta vinculada ao desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil, un xénero que iniciaron os da súa xeración en lingua galega. Nesta sección ten unha presenza importante O principiño, que traduciu para o galego e do que foi coleccionista.

A obra do autor noutros idiomas

Tamén está presente na mostra a súa vertente de columnista e colaborador nos medios, un aspecto que lle deu unha enorme presenza e afecto social, xunto coa faceta da proxección internacional e das traducións, xa que Casares viu algunhas das súas obras traducidas a diversas linguas, entre elas, ao castelán, ao italiano, ao bretón, ao catalán e mesmo en bable, entre outras. Están tamén as traducións doutras obras para o galego que el mesmo asumiu, como a derradeira novela do seu amigo Torrente Ballester.

Xa na sección final, a mostra inclúe unha pequena selección de documentación de homenaxe tras a súa morte.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES