Notas de prensa

A Amtega, o Clúster Audiovisual e o Clúster TIC definirán unha estratexia para posicionar a Galicia no sector dos contidos dixitais

A directora da Amtega e os presidentes dos Clústers inauguraron o DICO Summit 2017, o 1º evento internacional sobre contidos dixitais que se celebra en Galicia. O hipersector TIC galego concentra máis de 3.200 empresas, dá emprego a preto de 20.000 persoas e achega o 2,3% do PIB.

Máis de 360 persoas asistirán durante dous días aos relatorios e paneis do evento Dico Summit 2017, o primeiro foro internacional sobre contidos dixitais que se celebra en Galicia. O encontro arrancaba esta mañá na Cidade da Cultura coas intervencións dos responsables das tres entidades organizadoras.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o presidente do Clúster Audiovisual de Galicia (CLAG), Jorge Algora, e o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, lembraron que o DICO Summit é a primeira das actuacións do Programa Viraxe TIC, subscrito polas tres entidades o pasado mes de xullo para impulsar o sector dos contidos dixitais na Comunidade.

Mar Pereira sinalou que o seguinte fito do Viraxe TIC é a elaboración dun estudo para identificar as principais oportunidades de negocio neste ámbito e analizar as perspectivas do sector ante as novas tendencias e os casos de referencia. Nunha segunda fase o Programa contempla a posta en marcha dunha liña de axudas dotada con 3.7 millóns de euros para incentivar o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais.

A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta lembrou que o hipersector TIC galego, que concentra máis de 3.200 empresas, dá emprego a preto de 20.000 persoas e achega o 2,3% do PIB, representa un sector de alto potencial, co que Galicia ten posibilidade de posicionarse no sector dos contidos dixitais.

O presidente do CLAG, destacou que o contido en vídeo é o contido dixital que máis tráfico xera en España e o que máis crecerá ata 2020 só superado polo xogo online. Jorge Algora sinalou tamén que as novas plataformas dixitais achegan novas formas de distribución e, pola tanto, novas formas de amortizar as producións. Engadiu que agora toca explotar todas as novas posibilidades de negocio.

O presidente de Clúster TIC indicou que para a aproveitar as posibilidades que ofrece o sector dos contidos dixitais é preciso “pasar do técnico ao creativo, que son dous mundos que teñen que entenderse neste contexto”. Sinalou tamén que o papel dos tecnólogos neste ámbito é dar soporte aos contadores de historias. Ademais, incidiu na importancia de apoiar o empendemento individual e de elaborar produtos pensando nun espectador global.

30 profesionais de referencia, showroom, networking e concurso de ideas
Ao longo de dúas xornadas, DICO Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por un lado, os paneis e intervencións de 30 entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.

A primeira das xornadas, que será inaugurada polo director do Igape, Juan Manuel Cividanes. centrase nos axentes implicados na creación, distribución e comercialización de contidos dixitais. O segundo día o foro abordará o impacto que os contidos dixitais están a ter noutros sectores produtivos. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, será o encargado de clausurar o evento.

Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-01-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES