Notas de prensa

As intervencións en Cova Eirós ofrecen novas claves para comprender os modos de vida na prehistoria de Galicia

Responsables da Consellería de Cultura e Educación e da Universidade de Santiago de Compostela presentaron na Facultade de Xeografía e Historia os resultados dos achados arqueolóxicos no xacemento de Triacastela (Lugo), moi importantes “para identificar as nosas máis fondas raíces culturais e sociais”.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na Facultade de Xeografía e Historia na rolda de prensa de presentación dos resultados dos achados arqueolóxicos no xacemento paleolítico de Cova Eiros, sito no concello lucense de Triacastela. O titular de Cultura destacou a necesidade destes traballos científicos “para identificar as nosas máis fondas raíces culturais e sociais” e subliñou o interese que ten este xacemento como fonte para o estudo histórico pola singularidade, riqueza e amplitude temporal que abarca a cova.

Neste momento, segundo explicaron os responsables do proxecto de Cova Eirós, Ramón Fábregas e Arturo de Lombera, estase a afondar no coñecemento dos modos de vida e mundo simbólico dos últimos grupos de neandertais e os primeiros humanos modernos no norte peninsular. Así mesmo, véñense dando pasos importantes para aclarar aspectos do proceso de extinción das últimas comunidades de neandertais do norte e cuestións relativas ás representacións artísticas realizadas por este grupo no contexto da cova.

As intervencións realizadas en Cova Eirós foron dirixidas desde o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC, en colaboración cun importante equipo de investigación do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES), da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona. Ademais do conselleiro, participaron na rolda de prensa o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Francisco Ramón Durán Villa, a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ãnsua, o catedrático e director científico do proxecto, Ramón Fábregas Valcarce, e o codirector do proxecto, Arturo de Lombera Hermida.

A intervención científica en Cova Eirós

As campañas de escavación do bienio 2015-16 son froito de senllos convenios de colaboración asinados entre a Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Santiago de Compostela para a realización dos traballos de escavación, investigación e documentación arqueolóxica neste singular xacemento. A Xunta de Galicia achegou un total de 50.000 euros “para a intervención nun xacemento que –en palabras de Román Rodríguez– esperta gran interese por parte da comunidade científica e da sociedade galega polos resultados que, campaña tras campaña, vén ofrecendo.”

En concreto, as últimas campañas continúan a proporcionar novos datos sobre as ocupacións paleolíticas do Noroeste peninsular, consolidando o acadado no xacemento desde o ano 2008. Actualmente, a escavación do nivel 3, datado no Paleolítico medio, e a recuperación de máis de dez mil rexistros e pezas na cavidade confirman a Cova Eirós como un dos xacementos de referencia para o estudio da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades prehistóricas de cazadores colleiteiros que ocuparon Galicia hai 40.000 anos.

Novos resultados

Os resultados acadados nestes últimos anos están a revelar a importancia deste xacemento para o estudo da Prehistoria de Galicia. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan coas últimas comunidades de neandertais e seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval.

As novas datacións absolutas confirman ao grupo de neandertais ocupante de Cova Eirós coma un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada do Homo sapiens a este territorio. Este feito permite que os investigadores vaian delimitando cada vez mellor as causas da súa desaparición e valorar se foi froito dos cambios climáticos ou da nova competencia producida pola arribada da nova especie á rexión.

Por outra banda, o estudo das manifestacións rupestres e a arte moble de Cova Eirós permite achegármonos á esfera simbólica e ritual das culturas dos cazadores do Paleolítico superior. Os últimos traballos levaron á descuberta de novos motivos e afondar no estudo das súas características técnicas e estilísticas mediante a aplicación de novas técnicas, como pode ser a Fotogrametría. Ao mesmo tempo, a análise e datación por Carbono 14 permite atribuír a unha boa parte destas manifestacións unha antigüidade de máis de 10.000 anos, xa cando habitaban as últimas sociedades de cazadores colleiteiros.

Coñecer a Prehistoria galega

Os últimos anos de traballo, grazas ás novas escavacións arqueolóxicas, non só permitiron perfilar mellor a secuencia de ocupacións de Cova Eirós, senón tamén profundar nos estudos sobre o xacemento e a Prehistoria galega. Froito dese labor continuado, os resultados estanse a publicar en revistas científicas e congresos de gran prestixio, tanto nacionais coma internacionais. A cavidade segue a mostrar un gran potencial xa que aínda quedan máis de dous metros de recheo por escavar e as galerías interiores para revisar na procura de arte rupestre.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-01-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES