Notas de prensa

Nadal en Rede enche as axendas de lecer da Rede de Dinamización de Galicia

Obradoiros de música e de xogos e xoguetes en galego, concertos didácticos, teatro de monicreques e actividades cos Bolechas danse cita co público familiar en dez localidades desde mañá ata o domingo para reforzar as programacións municipais propias destas datas. No Portal da Lingua Galega atópanse múltiples recursos para galeguizar os principais eventos do Nadal.

As propostas do programa Nadal en Rede enchen as axendas de lecer nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A quinta edición do programa, que arrancou o sábado no concello coruñés de Trazo, desprega durante esta semana obradoiros de música e de xogos e xoguetes en galego, concertos didácticos, teatro de monicreques e actividades cos Bolechas nas que a lingua galega se dá cita co público familiar en dez localidades. Para alén disto, as propostas reforzan e amplían as programacións municipais de actividades propias destas datas.

Canda 'O castiñeiro do Apalpador', 'Os Bolechas. Nadal en familia', 'Cantarolas para xente miúda', 'Nadal de vila en vila' e 'Obradoiro de xogos e xoguetes en galego', que chegarán ata o vindeiro 7 de xaneiro a medio de cento de concellos adscritos á RDL, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon, no marco deste programa, a disposición de toda a cidadanía no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/nadal-en-rede) múltiples recursos para galeguizar os principais eventos do Nadal.

Actividades en dez concellos ata o domingo 25 de decembro

Esta semana 'Nadal en Rede' estrea tres das cinco propostas que ofrece en exclusiva a súa edición 2016: 'Cantarolas para xente miúda', que se poderá gozar mañá, mércores 21, en Oroso (na Casa da Cultura de Sigüeiro, ás 18:00 horas); 'Nadal de vila en vila', un obradoiro de cantos tradicionais do Nadal que impartirán Uxía e Santi Cribeiro o xoves 22 en Boborás (na Casa do Concello, ás 12:00 horas) e en Toques (na Aula da Natureza, ás 20:00 horas); e 'Obradoiro de xogos e xoguetes en galego', da man dos dinamizadores da empresa xogueteira Brazolinda, o sábado 24 (no Pavillón dos Deportes de Verín, desde as 10:00 horas).

Ata o sábado proseguen esta semana as actividades 'Os Bolechas. Nadal en familia' (na praza de abastos de Rianxo, a partir das 16:00 horas), 'O castiñeiro do Apalpador' (na Sala Multiúsos do Incio, ás 18:00 horas) e 'Cantarolas pra xente miúda' (no Auditorio Municipal de Ourense, ás 18:00 horas); o venres 23 Os Bolechas farán parada en Sanxenxo (no pavillón polideportivo, desde as 16:00 horas) e 'Nadal de vila en vila' en Mazaricos (na Casa da Cultura, ás 17:00 horas) e o sábado 24 'O castiñeiro do Apalpador' chega ao Carballiño (no Auditorio Municipal, ás 12:00 horas). Toda a información do programa e o calendario de actividades está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Xogos e xoguetes en galego

O Nadal é tempo de xoguetes e a RDL quere apoiar as empresas que os desenvolven na nosa lingua, animar os pequenos e pequenas a empregala nos seus xogos e aos seus pais e nais a transmitirlles o idioma propio de Galicia compartindo con eles espazos de ocio en galego. Con estes obxectivos, a RDL incluíu na súa programación un obradoiro de xogos e xoguetes en galego que desenvolverá a empresa xogueteira Brazolinda en dez concellos.

Nadal de vila en vila

Os músicos Uxía e Santi Cribeiro desenvolverán noutras dez localidades da RDL un obradoiro participativo para familias con fillos a partir de catro anos, ás que se lles pedirá que axuden a contar un conto musical de Nadal unindo as súas voces ás dos dous músicos e acompañándoas con instrumentos de percusión que lles serán entregados para a ocasión. Deste xeito, irán coñecendo panxoliñas, xaneiras, cantares de reis e aguinaldos que poderán repetir nas súas casas durante a celebración das festas, para celebraren en galego estas datas tan especiais.

Cantarolas para xente miúda

Máis cancións da man de Senén Vaamonde e de dous músicos do grupo A Roda, que ofrecen un concerto didáctico para que os nenos e nenas galegos a partir dos dous anos e as súas familias coñezan 'Cantarolas para xente miúda', un proxecto musical que compartiron dúas das figuras máis representativas da historia da música e das letras galegas: Suso Vaamonde e Xosé Neira Vilas. Poderase gozar tamén en dez localidades galegas.

Cos Reis Magos, en galego

Como outros anos, seguen estando a disposición dos concellos pertencentes á RDL e das familias modelos de cartas para escribirlles na nosa lingua ás súas maxestades de Oriente, así como a ferramenta "resposta dos Reis Magos" para que os nenos e nenas poidan recibir unha mensaxe personalizada de Melchor, Gaspar e Baltasar escrita na nosa lingua.O Portal da Lingua Galega tamén lles ofrece aos Reis discursos na nosa lingua que poderán ler a noite da cabalgata para que todos os poidamos sentir falar no idioma propio de Galicia.

E tamén co Apalpador

Para os que prefiran ou queiran coñecer outras figuras tradicionais do Nadal galego, a RDL presenta a peza de monicreques ‘O castiñeiro do Apalpador’ nunha peza, dirixida público de máis de tres anos, na que o propio Apalpador –da man de Fantoches Baj- será quen lles conte aos asistentes por que reparte castañas entre os nenos e nenas durante o Nadal.

Os Bolechas, Nadal en familia

Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa celebrarán este Nadal cos nenos e nenas de dez concellos, a quen acompañarán mentres estes xogan. Haberá concurso e exposición de postais; cartas aos Reis Magos; contacontos; xogos populares; sorteo de libros; obradoiros de chapas, de maquillaxe, de debuxo... e moitas outras actividades divertidas en galego para toda a familia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-12-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES