Notas de prensa

A AAAG amosa a súa inquedanza pola escasa produción e a baixa contratación actoral en 2017

A preocupación da Asociación non parte nin das escollas artísticas nin do conxunto da carteleira proposta por parte do CDG. A AAAG subliña a necesidade de que as producións do Centro Dramático Galego incrementen o tamaño dos seus elencos. AAAG ofrécese a colaborar e a dialogar coa dirección do CDG e de Cultura.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quere amosar a súa inquedanza e decepción diante do anuncio realizado por parte do Centro Dramático Galego que presentou o conxunto da súa programación até o outubro de 2017 nun acto que contou coa presenza da directora do CDG, Fefa Noia, do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do director da Agadic, Jacobo Sutil.

A preocupación da Asociación non parte nin das escollas artísticas nin do conxunto da carteleira proposta por parte da institución, da que mesmo quere celebrar e pór en valor, entre outras decisións, a determinación de producir e traer ao galego a obra de Valle-Inclán, saldando así unha débeda histórica provocada pola imposibilidade de tradución até a chegada deste vindeiro 2017, ano no que a obra do dramaturgo ficará xa liberada.

Non obstante, esta noticia que debía ser unicamente obxecto de alegría é, precisamente o motivo da preocupación da AAAG.

O Centro Dramático Galego estreará o 31 de marzo un espectáculo dobre no que se adaptarán dúas pezas de Valle-Inclán: As galas do defunto e A filla do capitán. Deste xeito, a unidade de teatro público montará dúas das tres obras que conforman Martes de Carnaval, desbotando así a terceira pata desta triloxía de Valle, Los cuernos de don Friolera. Neste senso, a AAAG lamenta as seguintes cuestións.

A primeira delas, que os motivos para realizar un achegamento coxo a esta obra de Valle sexan, tal e como explicou Noia, cuestións orzamentarias que non responden a criterios artísticos, empregando unha vez máis as circunstancias económicas como escusa para limitar a actividade do CDG, cando sempre dende os Gobernos central e autonómico se aplaude e se celebra unha recuperación económica que resulta invisible.

A segunda é que toda a produción do CDG para o ano 2017 queda reducida a unha obra que, por moito que sexa un espectáculo dobre, non deixa de ser unha única montaxe cunha única estrea e cunha única xira por Galicia.

E a terceira cuestión, e ben seguro a máis preocupante, é que o elenco deste Martes de Carnaval estará conformado unicamente por dez intérpretes, sendo un volume de contratación totalmente inaceptable por parte dun Centro Dramático que ha de recuperar o seu papel de teatro nacional para o noso país e que está chamado a ser, como ben explicou Fefa Noia na presentación, “a casa de todos e todas, formada por todos e todas”.
Ante estes feitos, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia reitera a súa preocupación e o seu rexeitamento a que a produción e a contratación do Centro Dramático Galego se desenvolva para gran parte do 2017 nestes termos, ao tempo que aproveita a ocasión para lembrar as súas reivindicacións ao respecto do Centro Dramático Galego -xa transmitidas por parte da Xunta Directiva da AAAG en xuntanzas cos responsables da política cultural do Goberno- e que pasan en primeiro lugar por que o Centro Dramático Galego incremente a súa produción anual. Non é aceptable que a entidade de teatro público reduza a súa actividade ao longo das temporadas a unha única produción, algo que vén acontecendo nos últimos exercicios e que parece que se volvería repetir no 2017, a non ser que entre os meses de novembro e decembro realicen unha nova produción, algo que consideramos xa como un mínimo imprescindible e urxente.

A AAAG subliña, por outra banda, a necesidade de que as producións que leve a cabo o Centro Dramático Galego incrementen o tamaño dos seus elencos. Un verdadeiro teatro nacional non debe conformarse con realizar montaxes cun máximo de dez intérpretes, reducindo as súas obras a medianos formatos, actividade que asumen xa -malia as dificultades- compañías privadas.

Por último, a AAAG cre necesario a recuperación dun órgano que, nos últimos anos, ficou desbotado e que resulta xa non só recomendable, senón necesario: o Consello Asesor. Este órgano serviría novamente como conexión entre a institución e a realidade da profesión, ao ser un espazo de diálogo coa presenza das entidades e asociacións do sector.

Por todo o exposto, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quere finalizar este comunicando ofrecéndose unha vez máis para colaborar e dialogar coa dirección do Centro Dramático Galego, así como cos responsables da Consellería de Cultura e Educación para emendar estas eivas no futuro.

Alberto Ramos, 2016-12-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-ordenador.jpg) A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos. O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.
Foto de la tercera plana (tecnologia.jpg) Foi presentado o evento The Way Startup Summit 2024, que un ano máis convertirá a Vigo no maior foro de emprendemento, innovación e investimento no Noroeste de España e cita de referencia a nivel nacional. O programa de They Way contempla tres grandes escenarios ao redor da innovación, o emprendemento e o investimento, así como a organización de espazos de networking entre os asistentes, co obxectivo de que establezan contactos, intercambien coñecementos e propíciense sinerxias entre eles. The Way desenvolverase os días 9 e 10 de maio abordando temas como os retos de futuro das FinTech, da mobilidade, da alimentación, do retail, do turismo, do deporte ou do téxtil, entre outras áreas.

Notas

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances no seu traballo.
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o próximo 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES