Notas de prensa

O CGAI achégase ao documental da Revolución Cubana cun ciclo en colaboración co Reina Sofía

O martes 15 de novembro dá comezo na Coruña este programa, ao que a filmoteca galega lle dedica oito xornadas con 38 títulos rodados entre 1959 e 1972. Xunto con pezas que constitúen un manifesto visual irrepetible, proxectarase unha escolma de filmes realizados en Cuba por cineastas estranxeiros.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia o ciclo ‘Por un cine imposible. Documental e vangarda en Cuba (1959-1972)’, que centrará as proxeccións que se desenvolverán na súa sede da Coruña os martes e mércores ata o 14 de decembro. Programado en colaboración co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, así como coa Cinemateca de Cuba, este especial reúne 38 títulos a través dos que se afondará no movemento documental cubano arredor da Revolución, que deu pé a un manifesto visual irrepetible.

O profesor e documentalista londiniense Michael Chanan é o comisario desta escolma, que arranca mañá ás 20.30 horas cunha sesión dedicada aos primeiros anos tras a chegada do movemento revolucionario ao poder. Inclúese aquí un dos ‘noticieros’ semanais do cineasta cubano Santiago Álvarez, coñecido como o Dziga Vertov, e figura central deste ciclo.

O recurso da metraxe encontrada

Nestes ‘noticieros’, Álvarez conecta os diferentes temas a través dun discurso político ou os converte en documentais monográficos que logo continúa en filmes máis extensos. Son, ademais, unha escola para os novos cineastas, onde se lles aprende a crear películas de xeito rápido e barato, aproveitando os materiais dispoñibles. Así, a metraxe encontrada ou ‘found footage’ convértese axiña nun recurso popular entre os documentalistas.

O ciclo propón un percorrido cronolóxico e temático polo documental cubano deste período, baixo os seguintes subtítulos: ‘Comezos’ (martes 15, 20.30 h), ‘Batallas’ (mércores 16, 18.00 h), ‘Longas loitas’ (mércores 16, 20.30 h), ‘Mulleres’ (martes 22, 20.30 h), ‘Alleos’ (mércores 23, 18.00 h), ‘Lente ancha’ (mércores 23, 20.30 h), ‘Perspectivas 1’ (martes 29, 20.30 h), ‘Terceiro mundo’ (mércores 30, 18.00 h), ‘Santiago Álvarez’ (mércores 30, 20.30 h), ‘Culturais’ (martes 23 de decembro, 20.30 h), ‘Perspectivas 2’ (mércores 14 decembro, 18.00 h) e ‘Perspectivas 3’ (mércores 14, 20.30 h).

Así, esta programación recolle o nacemento dun novo cine cubano a partir da chegada do movemento revolucionario ao poder, en que o documental xoga un papel primordial. Un dos seus teóricos será Julio García Espinosa, de quen o mércores 30 se exhibirá ‘Tercer mundo, tercera guerra mundial’, rodada en Vietnam en 1968 e unha das películas máis destacadas do ciclo como exemplo desta corrente experimantal. No seu manifesto ‘Por un cine imperfecto’, García Espinosa defende precisamente as imperfeccións deste tipo de cinema de urxencia e de baixo orzamento, confrontándoo co brillo das grandes producións cinematográficas que, desde o seu punto de vista, anulaban e cousificaban o público.

A pesares de que non conta coas novas cámaras de 16mm, que na década dos sesenta favorecen a estética do cine directo e do ‘cinéma verité’, o audiovisual cubano experimenta un aumento de proxectos e de cineastas que saen á rúa para narraren a actualidade e o contexto cambiante que os rodea.

Como contrapunto, ‘Por un cine imposible. Documental e vangarda en Cuba’ inclúe unha selección de filmes realizados na illa por cineastas estranxeiros chegados durante os primeiros anos da Revolución: desde Joris Ivens, quen acepta un convite do propio Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC), ata Chris Marker e Agnès Varda, que rodan por decisión propia testemuños puntuais de solidariedade.

A programación completa, así como a información sobre os horarios e a billeteira, pode consultarse no web www.cgai.gal.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-11-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES