Notas de prensa

A Biblioteca e o Arquivo de Galicia incorporan fondos históricos doados pola familia Banet Dobrkovska

Un incunable de temática laica, un singular exemplar da ‘Biblia’ do XVI e mais un mapa do Reino de Galicia e de Bohemia do século de XVII están accesibles para consulta. Fondos de destacado valor histórico e cultural dos que non existían exemplares en Galicia.

A Biblioteca e o Arquivo de Galicia acaban de incorporar ao seu patrimonio documental e bibliográfico os fondos históricos doados por Manuel Banet López de Rego e por Alena Dobrkovska Kubickova. Trátase de dous mapas do século de XVII, do Reino de Galicia e mais de Bohemia, xunto cun singular exemplar da ‘Biblia’ do século XVI, escrito en castelán, e mais o incunable ‘El libro de las propiedades de las cosas’, datado do ano 1494.

Os fondos doados pola familia Banet Dobrkovska xa forman parte desde hoxe da Biblioteca e Arquivo de Galicia, entidades de cabeceira bibliográfica e arquivística da Comunidade autónoma galega, para a súa custodia pública e consulta. A entrega e recepción dos fondos tivo lugar esta mañá nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do doutor en medicina Manuel Banet e da súa esposa Alena Dobrkovska; da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; das subdirectoras xerais de Bibliotecas e de Arquivos, Cristina Rubal e Marina García Pita, respectivamente; e mais do xefe de servizo da Biblioteca de Galicia, Daniel Buján.

Tanto os mapas coma a ‘Biblia’ e o incunable contan cun “destacado interese histórico e cultural” e deles non existían outros exemplares na Biblioteca e Arquivo de Galicia, segundo explicou o secretario xeral de Cultura. No caso concreto da ‘Biblia’, non consta que exista ningún outro exemplar en Galicia.

O primeiro mapa impreso de Galicia

O do Reino de Galicia (Gallaecia Regnum) constitúe o primeiro mapa impreso que recolle todo o territorio galego, obra do dominico ourensán Frei Hernando Ojea, que se caracteriza pola representación do territorio galego con forma romboide e inclúe topónimos. A prancha que se reutiliza é a da primeira edición de 1603. Neste caso, existe outro exemplar no Arquivo do Reino de Galicia. En canto ao mapa de Bohemia (Amstelodami: apud Ioannem Iansonium, 1646?), foi impreso Ãmsterdam polo cartógrafo holandés Jan Janssonius, da vangarda cartográfica europea da época.

O exemplar da ‘Biblia’, do século XVI, é unha verdadeira rareza na época polo feito de estar traducida ao castelán nun tempo no que aínda non estaba recoñecido o uso das linguas vernáculas na liturxia. Mentres que o incunable ‘El libro de las propiedades de las cosas’, de Frei Vicente de Burgos, destaca pola súa temática laica, infrecuente na época, e pola incorporación de gravados xilográficos de grande interese. Desta obra existe un exemplar no Museo Massó de Bueu e no Seminario de Mondoñedo.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia

Con sede na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia é a biblioteca autonómica central, que ten como misión recuperar, conservar e difundir o conxunto das publicacións editadas en Galicia e as que traten temas galegos. Ademais de fornecer servizos bibliotecarios de calidade, conservar e difundir os seus fondos, así como un valioso conxunto de coleccións de publicacións singulares, a Biblioteca de Galicia é o centro de conexión da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia co ámbito bibliotecario internacional. Como centro depositario do patrimonio bibliográfico máis valioso de Galicia, está orientada fundamentalmente a investigadores, estudosos ou persoas interesadas na cultura galega.

O Arquivo de Galicia, con sede tamén na Cidade da Cultura de Galicia, custodia os documentos producidos pola Xunta de Galicia e os órganos e entidades dela dependentes desde a súa creación (1982), así como outros de calquera procedencia que, polo seu ámbito e interese, se lle poidan asignar. É cabeceira do Sistema de Arquivos de Galicia, por iso simboliza a unidade do patrimonio documental da Comunidade. Este patrimonio comprende unha porción notable da súa cultura escrita e caracterízase,entre outros aspectos, pola súa calidade, antigüidade e diversidade. Entre as funcións do Arquivo de Galicia destaca a de conservar, difundir e acrecentar o patrimonio documental de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES