Notas de prensa

O piano da familia Murguía Castro volve soar na casa da Matanza, en Padrón

A Consellería de Cultura apoiou a restauración desta peza de gran valor, cedida pola Coral Follas Novas e que agora se incorpora á Casa Museo de Rosalía. Tamén foi trasladado a Padrón o cadro Árbore de montaña, de Ovidio Murguía, restaurado recentemente polo Museo de Belas Artes da Coruña.

A Casa Museo de Rosalía incorpora dúas pezas de gran valor vinculadas coa familia Murguía Castro. Trátase do piano da familia, que xunto con outros mobles e obxectos acaba de deixar en depósito a Coral Follas Novas da Coruña, e do cadro ‘Árbore de montaña’, de Ovidio Murguía, restaurado recentemente polo Museo de Belas Artes da Coruña.

As pezas foron presentadas na Casa da Matanza, en Padrón, polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen asegurou que “dentro do patrimonio vinculado a Rosalía existen toda unha serie de elementos que contribúen a entender e a situar a súa figura”, e que “a Fundación Rosalía de Castro vén protexendo e acollendo desde que Mosquera Pérez, Manuel Beiras e algúns outros adquiriran no ano 1947 a casa familiar de Padrón e iniciaran así o labor de recuperación e posta en valor da súa obra e da súa personalidade”.

Dado o interese e a responsabilidade da Consellería na preservación e conservación do patrimonio galego, tamén destacou Anxo Lorenzo “o importante apoio que desde o Goberno galego se lle vén ofrecendo á Fundación Rosalía de Castro e que fixo posible tanto a restauración do cadro de Ovidio Murguía, como do piano”; un apoio que tamén abrangue a restauración da propia casa e a adecuación da súa musealización.

O piano, que foi restaurado por Luís Ares e Ascensión de Vicente coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, fora doado por Gala Murguía –a filla máis lonxeva de Manuel Murguía e Rosalía de Castro–, xunto cun espello recibidor ‘tremont’ e outros obxectos á Coral Follas Novas, que agora llos cede en depósito á Fundación Rosalía de Castro.

O presidente desta entidade, Fernando Sandino, tamén participou no acto de presentación das pezas, xunto con Luís Ares e Laura Carrera, técnica do Museo de Belas Artes da Coruña que se encargou da restauración do cadro de Ovidio Murguía, talvez o de maior tamaño realizado polo fillo pintor de Rosalía. A obra, que se titula ‘Árbore de montaña’ está datado en 1899, un ano antes da morte do autor, que o pintou durante a súa estancia en Madrid, seguindo os esquemas da pintura de paisaxe realista europea do século XIX.

O piano da familia Murguía Castro volveu soar na Casa da Matanza ao remate da presentación, da man da pianista e musicóloga Margarita Viso, que interpretou varias pezas. Este piano permite afondar na dimensión musical da obra da autora máis universal da literatura galega, ela mesma instrumentista, e cunha creación literaria que non se pode concibir sen o influxo da música.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-07-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES