Notas de prensa

A Federación Galega de Teatro Afeccionado, con máis de 50 agrupacións, renova a colaboración coa Xunta

A Consellería de Cultura e a Federación asinan un convenio para a realización do Circuíto Galego de Teatro Amador 2016, que ofrecerá 60 representacións percorrendo Galicia ata finais de outubro. Tamén apoia o XV Festival Agustín Magán coas últimas propostas escénicas de grupos federados entre o 29 de outubro e o 1 de novembro.

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforza o seu compromiso co desenvolvemento do teatro afeccionado en Galicia ao renovar un ano máis a súa colaboración coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), da que forman parte máis de 50 agrupacións.

O conselleiro, Román Rodríguez, e a presidenta da Federación, Consuelo Pampillón, asinaron un novo convenio de colaboración mediante o que a Consellería contribúe, cun investimento de 30.000 euros, á realización do Circuíto Galego de Teatro Amador 2016, que desde xuño ata final de ano ofrecerá un total de 60 representacións nas catro provincias galegas. Ao acto de sinatura, que tivo lugar no Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego, tamén asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais a vicepresidenta e o tesoureiro da federación, María José García e Manuel Dasilva, respectivamente.

O circuíto teatral, que botou a andar en xuño no Porriño, percorrerá ata finais de outubro a xeografía galega, con paradas en concellos como Narón, O Barco de Valdeorras, Antas de Ulla, Cuntis, Vedra e Lugo, para un público estimado de 7.500 espectadores. Gargallada, Trécola Teatro, A Fiestra, Porta Aberta, Maraño Teatro, Paso de Valverde, Chumpá Teatro e Andaravía serán algúns dos grupos encargados de lle achegar a cidadanía o teatro afeccionado.

Ao abeiro do convenio asinado, a Consellería tamén colaborará coa décimo quinta edición do Festival Amador Agustín Magán, unha iniciativa coa que Fegatea difunde as últimas propostas escénicas do seus grupos federados nas catro provincias. En total serán sete actuacións na capital de Galicia, os días 29, 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro deste ano. Tres delas representaranse no Teatro Principal e outras tres, no Salón Teatro, mentres que haberá tamén un espectáculo de rúa.

Un dos obxectivos desta programación de Fegatea é dotar de programación cultural pequenas localidades galegas que, por falta de infraestrutura ou dispoñibilidade orzamentaria, non poidan gozar habitualmente de espectáculos de artes escénicas na súa propia vila. Ao mesmo tempo, garántese a viabilidade do teatro afeccionado e a difusión do traballo das 53 agrupacións que conforman a federación e que actualmente constitúen a maior estrutura teatral organizada, o que tamén denota un interese común dos seus membros para traballar nunha mesma dirección.

A Federación Galega de Teatro Afeccionado comezou a súa andaina en 2001 centrando os seus esforzos no fornecemento do tecido cultural ao redor do teatro amador no ámbito autonómico. Acadado este obxectivo, por medio dunha programación estable que abrangueu actividades formativas, de intercambio, mostras e festivais de teatro, nos últimos tempos tamén dedicou esforzos a promover o teatro amador galego no resto de España.

Cómpre salientar o intenso labor de dinamización cultural que cada unha das agrupacións que a conforman desenvolven na súa propia vila onde, en moitos casos, se ofrecen como única alternativa de programación cultural.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-06-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES