Notas de prensa

Participación galega en Cannes: Mimosas, Decorado e actividades comerciais

O filme de Oliver Laxe protagoniza nove dos pases da Semana da Crítica, mentres que a nova curta de Alberto Vázquez preséntase na Quincena de Realizadores. A participación galega en Cannes complétase coa actividade comercial de Frida, Fadybug, Numax e Zeitun.

As empresas galegas Frida Films, Ladybug Films, Numax Distribución e Zeitun Films participan no ‘Marché du Film’ do Festival de Cannes, a principal cita internacional para o sector cinematográfico. Este ano, ademais, o noso audiovisual terá un protagonismo especial neste encontro coas estreas dos últimos filmes de dous directores galegos: a longametraxe ‘Mimosas’, de Oliver Laxe, dentro da Semana da Crítica; e a curta de animación ‘Decorado’, de Alberto Vázquez, na Quincena de Realizadores.

A presenza galega neste importante festival conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do programa de internacionalización e promoción do audiovisual galego que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) vén desenvolvendo xunto ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en diferentes feiras internacionais de todo o mundo.

Recepción en colaboración con Galicia Calidade

No Festival de Cannes contarase, así mesmo, coa colaboración de Galicia Calidade na organización dunha recepción que terá lugar o vindeiro luns 16 no 3.14 Hôtel coincidindo coa estrea de ‘Mimosas’. Producida por Zeitun Films e subvencionada pola Agadic, esta película supón o regreso a Cannes de Oliver Laxe seis anos despois de que obtivera o premio Fipresci da Quincena de Realizadores por ‘Todos vós sodes capitáns’, a súa ópera prima. Desta volta, presenta a súa segunda longametraxe na Semana da Crítica, sección que ofrecerá un total de nove pases da película.

A curtametraxe ‘Decorado’, dirixida polo coruñés Alberto Vázquez, estrearase o venres 20 no marco da Quincena de Realizadores, que acollerá tamén un segundo pase o sábado 21. A fita, producida por UniKo & Autour de Minuit coa participación de Alt Content e Abano Producións, acaba de ser seleccionada así mesmo para competir no importante festival de cine de animación de Annecy, tamén en Francia.

Misión empresarial

Pola súa banda, as catro empresas integrantes da delegación galega ao ‘Marché du Film’ centrarán o seu traballo na cidade francesa no impulso ás vendas e na promoción exterior dos seus filmes, así como na procura de socios coprodutores e de todo tipo de oportunidades financeiras e de negocio para os seus produtos audiovisuais.

O ‘Marché du Film’ de Cannes supón unha oportunidade única para a compra, venda, financiamento, distribución e coprodución dos contidos que reúne. Anualmente congrega 20.000 profesionais, entre produtores, distribuidores de cine, axentes de vendas e programadores de festivais. Desde España desprázanse a esta cita, que se prolongará ata o vindeiro 20 de maio, arredor de 230 profesionais de 120 compañías.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-05-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES