Notas de prensa

O Colexio de Xornalistas e Política Lingüística presentan o web Manuel María xornalista

O web 'Manuel María xornalista' recolle unha parte dos artigos do autor da Terra Chá e ofrece unha visión global da súa biografía, con especial atención á súa vida como xornalista. Esta visión compleméntase cunha galería de imaxes recollida do arquivo da Casa-Museo Manuel María e unha lista de webs salientables sobre o escritor chairego.

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Pereiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentaron o web 'Manuel María Xornalista', elaborado polo Colexio en colaboración coa Secretaría e coa Casa-Museo Manuel María. A súa realización foi encargada polo CPXG ao xornalista e colexiado Antón Lopo. Ao acto acudiu tamén o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

García Gómez destacou o valor do novo web para mostrar un Manuel María completamente dono da palabra, “da palabra non só poética, non só literaria, senón da palabra no máis amplo dos sentidos”. Polo que se refire a Manuel María, incidiu en que o seu amor profundo pola lingua galega tamén se viu na súa práctica periodística, pois “escribiu en galego sempre que as circunstancias llo permitiron: en democracia e durante o franquismo, cando publicaba fóra de España”.

Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, tivo un especial recordo para Manuel María. “Na librería que rexentaban el e Saleta en Monforte adquirín os primeiros libros en galego”, sinalou. Sobre o web, Pereiro dixo que “pretendemos que manuelmaria.xornalistas.gal sexa tanto un escaparate do Manuel como unha ferramenta para os periodistas. Por un lado, un feixe de recursos documentais, escritos e gráficos, máis amplo que unha nota ou un resumo de axencia, do que botar man á hora de facer unha información sobre a súa persoa e obra. Hai datos que aporta Antón Lopo, non moi sabidos, como que foi dar a Monforte e foi procurador e non a Vigo e ser xornalista, porque tería que sacar o carné do Movimiento. Por outro lado, unha especie de axenda de construción diaria dos actos que se fan na súa homenaxe”.

Utilidades de manuelmaria.xornalistas.gal

O web 'Manuel María xornalista' recolle unha parte dos artigos do autor da Terra Chá e ofrece unha visión global da súa biografía, con especial atención á súa vida como xornalista. Esta visión compleméntase cunha galería de imaxes recollida do arquivo da Casa-Museo Manuel María, cunha lista dos webs máis salientables relacionados co escritor e cun espazo dedicado á actualidade relacionada coa súa escolla como autor das Letras neste 2016.

Especial importancia ten a sección “Unidade didáctica”, creada especialmente para os escolares, co obxectivo de que valoren e singularicen a actividade xornalística de Manuel María no conxunto da súa obra e mais de que se familiaricen cos xéneros xornalísticos e coa organización dun periódico.

O web conta tamén coa sección “Xornalismo nas letras”, que se ocupa dos homenaxeados no Día das Letras Galegas que tiveron unha relación estreita co mundo do xornalismo.

Manuel María xornalista

O web que se presentou esta mañá pon o foco nunha faceta diferente do autor que será homenaxeado o próximo 17 de maio. A súa vocación de xornalista levou a Manuel María a escribir en prensa ao longo de 55 anos, combinando este labor con traballos na radio. Os seus artigos non só apareceron na maioría das cabeceiras galegas (El Progreso, El Pueblo Gallego, La Noche, La Región, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego ou Vida Gallega), senón tamén nas españolas (ABC) e en numerosas publicacións americanas. A súa relación coa prensa escrita foi especialmente intensa a partir dos anos setenta, en que se funda A Nosa Terra, onde colaborou de 1977 a 1988. A maior parte dos seus artigos concéntranse neste semanario e mais no xornal El Correo Gallego, ao que estivo vinculado dende 1989 ata o mesmo día da súa morte.

Esta web foi encargada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ao xornalista e colexiado Antón Lopo. Como periodista, Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), dirixiu os suplementos Revista das Letras (1991-2011) e Chineses, ademais de coordinar as seccións de cultura dos xornais El Correo Gallego e Galicia Hoxe, traballos polos que recibiu o Premio Galicia de Comunicación, a da Irmandade do Libro á difusión cultural e o da Asociación de Escritores á traxectoria profesional. Actualmente colabora co suplemento Faro das Letras de Faro de Vigo e co semanario Sermos Galiza ('Extintintivos'), polas que este ano recibiu o premio Xohán Carballeira de Periodismo. Como poeta escribiu Sucios e desexados, libro ao que seguiron, entre outros, Manual de masoquistas (1991), Om (1997), Pronomes (1998), Fálame (2004) ou Libro dos amados (2005). Nos útimo anos, indagou na oralidade e na poesía física con ‘Prestidixitador’ (Teatro Galan, Compostela, 2001), ‘Accións’ (Galería Trinta, Compostela, 2003), ‘Dentro’ (Casa da Parra, Compostela, 2005) e ‘Lampíricos’ (Galeria Dispara, A Estrada, 2013). Na novela, publicou As reliquias (1991), Ganga (2001) ou Obediencia (2010), premio Garcia Barros. También cultivou o ensaio, a tradución (Óscar Wilde, Rimbaud, Vikram Seth…) e a biografía, xénero ao que lle dedicou a fotobiografía de Bouza Brey (así como o documental O faro que perdeu a gracia da luz) ou as propostas noveladas As tres mortes de Lorenzo Varela, A distancia do lobo de Uxío Novoneyra e A palabra exacta de Lois Pereiro. A peza dramática ‘Os homes só contan até tres’ valeulle o Premio Cunqueiro de teatro, ámbito ao que lle dedicou un amplo espazo na súa obra.

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, 2016-05-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES