Notas de prensa

O Consello da Cultura e Afundación presentan a mostra Galicia 100 que sintetiza a cultura galega en cen obxectos

O Foro do Burgo de Caldelas, unha das primeiras manifestacións en lingua galega, a bandeira do Consello de Galiza ou o teodolito de Domingo Fontán son algunhas pezas emblemáticas da cultura galega. Todas elas están en Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, promovida polo CCG.

A exposición organizada polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración de Afundación e Abanca, constrúe un relato da cultura galega a través da selección e da relación de cen obxectos. A mostra foi presentada esta mañá na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19) en Santiago de Compostela por Ramón Villares, presidente da institución, e Miguel Ãngel Escotet, presidente de Afundación. Canda eles, o comisario Manuel Gago detallou o discurso expositivo dunha mostra que conta con catálogo, aplicación para dispositivos móbiles e un sitio web que aposta pola interactividade na dixitalización do patrimonio.

“Galicia 100 permite construír un relato novo sobre Galicia e a súa cultura nun formato que xa está moi explorado pero que adaptamos para a nosa realidade” apuntou Ramón Villares na presentación. Canda el, o presidente da institución, Miguel Ãngel Escotet, situou a mostra dentro dos eixes de traballo da entidade e incidiu na importancia da colaboración institucional ao destacar que “a cooperación é o resultado da identificación de expectativas comúns, de obxectivos compartidos e do desexo conxunto de mellora”.

Segundo Manuel Gago, comisario da exposición, “a mostra ofrece unha lectura da identidade e da cultura galega a través de pezas significativas, escollidas pola súa capacidade de representar tempos, épocas, xentes e mentalidades”. Trátase de ofrecer ao visitante “unha experiencia na que os obxectos cobran protagonismo como punto de partida para contar como somos e como chegamos a ser o que somos”.

A exposición amosa unha selección de cen obxectos, entre os que hai pezas de ámbito cotiá, como pode ser un morteiro de améndoas de mediados do século XVII, un bidón de leite que representa a evolución do sector agrogandeiro ou un pote de queimada, xunto con outros máis emblemáticos como poden ser a bandeira do Consello de Galiza ou a Mariscala, cadea coa que se sospeita que foi encarcerado o mariscal Pardo de Cela. Un relato da evolución da cultura galega en función da capacidade dos obxectos de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios. A mostra estará ata o 18 de setembro en Santiago, desde onde iniciará unha itinerancia que a levará ata a Coruña e Vigo.

Lecturas cronolóxica e conceptual

O proxecto expositivo ten dúas direccións. Por unha banda, está o catálogo, no que o lector se atopará unha lectura cronolóxica dos obxectos e no que estes están comentados, en textos moi divulgativos, por máis de sesenta expertos de numerosos ámbitos de investigación (historia, ciencias, comunicación, etnografía, industria), entre os que figura Francisco Díaz-Fierros, Chus Martínez Domínguez, Emilio Pérez Touriño, Xurxo Ayán ou David Barro. Este catálogo, ademais de impreso, dispón de web e unha app gratuíta para móbiles e tablets na que, ademais dos contidos textuais e gráficos, o usuario pode acceder a contidos interactivos, multimedia e participativos. Catálogo e app poderanse descargar de balde desde o web da exposición.

A exposición reúne fisicamente case setenta obxectos da selección nunha estrutura dividida en sete grandes módulos (Poder, Territorio, Comunidade, Códigos, Transicións, Redes e Trasmundo). Na mostra, as pezas agrúpanse entre si rompendo o tradicional esquema cronolóxico e buscando o diálogo e as relacións a través de épocas, das pezas entre si e delas co visitante. A proposta anima o visitante a explorar as relacións e os sentidos entre obxectos, combinando pezas de gran valor e significado histórico con obxectos cotiás e humildes do noso pasado.

Coa finalidade de difundir a exposición, está programado que nas vindeiras semanas comece un programa de visitas didácticas pensadas para un público escolar, colectivos especializados e público en xeral.

Equipo asesor

A exposición Galicia 100 está comisariada por Manuel Gago e contou cun consello asesor de destacados especialistas encabezado por Ramón Villares entre os que figura Carlota Ãlvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos.

Antecedentes

Construír exposicións de carácter histórico a través de obxectos é unha fórmula xa explorada. En 2010, o Museo Británico iniciou coa BBC Radio 4 un proxecto que deu lugar ao coñecido “A History of the world in 100 objects”, que foi adaptado e seguido noutros contextos como os Estados Unidos ou Irlanda. Precisamente, o comisario da exposición irlandesa, Fintan O´Toole, escribe un capítulo no catálogo desta mostra que incide na importancia da selección dos obxectos, non pola súa beleza ou a súa valía senón polas pegadas invisibles que quedan neles.

Consello da Cultura Galega, 2016-05-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES