Notas de prensa

Falaredes dálle a benvida ao mes das Letras Galegas con seis propostas

Uxía e Magín Blanco regresan aos escenarios co seu espectáculo inspirado na obra de Manuel María. Pablo Díaz e o seu grupo sumarán ata tres actuacións cun repertorio musical que promove a lingua galega a partir do universo miúdo. Larraitz Urruzola presenta a Rosalía.

O 'FalaRedes', da Consellería de Cultura e Educación, dálle a benvida ao mes das Letras Galegas con seis propostas pensadas para dinamizar o uso da lingua propia de Galicia no tempo de Lecer. Santiago de Compostela, O Carballiño, Ames, O Barco de Valdeorras, Valga e Ponteareas serán do venres ao domingo os concellos anfitrións das propostas de dinamización lingüística deste programa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. O percorrido comezará mañá á tarde, venres, no Auditorio de Bertamiráns, no Concello de Ames, onde Pablo Díaz e a súa banda animarán o público desde as 18:30 horas cos ritmos do seu espectáculo 'Xente miúda, moita fartura'.

Esta mesma exitosa actividade terán oportunidade de gozala tamén noutros concellos ao longo da fin de semana. Na compaña dos músicos Carmen Rey e Tito Calviño, Pablo Díaz viaxa o sábado ata O Barco de Valdeorras, onde o grupo actuará ás 18:00 horas na Biblioteca Pública Florencio Delgado Gurriarán. E finalmente, o domingo 1 de maio, 'Xente miúda, moita fartura' estará no Auditorio Municipal de Valga, ás 19:00 horas. Xa que logo, serán tres ocasións nas que o público poderá conectar con esta proposta, que demostra que a música cantada volve ser o mellor vehículo para promover o uso da nosa lingua propia na familia e a súa transmisión interxeracional.

A poesía de Manuel María en 'Todo me fala de ti'

Logo da súa dobre actuación a comezos de mes, Uxía e Magín Blanco volven aos escenarios de 'FalaRedes' para pechar o abril e iniciar o maio. Santiago de Compostela será a primeira parada en acollelos nesta fin de semana. O sábado ás 18:00 horas no Centro Sociocultural de Santa Marta, onde deleitarán o público cun concerto onde ademais de promover o lecer en lingua galega se lle fai ao tempo unha fermosa homenaxe musical a Manuel María, o autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

'Todo me fala de ti' non só difunde así a obra de Manuel María entre a xente miúda, senón que serve para ampliar o repertorio da música infantil en galego, ofrecendo un abano de cancións con moi contaxiosas melodías. A bo seguro deixarán pegada no espazo familiar, e así terán oportunidade de comprobalo tamén no Carballiño, onde Uxía e Magín Blanco, acompañados tamén do músico Santi Cribeiro, actúan o domingo día 1 ás 18:00 horas. A cita será neste caso na Praza Maior ou, se chove, no Auditorio Municipal.

A oferta de 'FalaRedes' complétase esta fin de semana coa representación en Ponteareas de 'A viaxe de Rosalía'. Alí poderemos gozar desta fermosa peza onde as mans da actriz Larraitz Urruzola nos guiarán unha vez máis a través da vida e a obra da escritora máis recoñecida da nosa literatura: Rosalía de Castro. Música e monicreques farán a maxia, á que poderemos asistir o domingo día 1 ás 18:00 horas no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo.

Coma sempre no 'FalaRedes', en todas as localidades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Próximas paradas: O Rosal, Boiro, Ordes, Caldas de Reis e Val do Dubra
A próxima semana tamén será intensa no 'FalaRedes'. Nesta ocasión, teremos o final da xira de 'A viaxe de Rosalía', que logo dunha ducia de representacións desde o pasado mes de marzo, pecha neste mes de maio cunha actuación no Auditorio Municipal do Rosal. Será o sábado 7 ás 18:30 horas.

Por outra parte, a banda de Pablo Díaz xunta forzas para toda unha explosión de enerxía musical que os levará co seu 'Xente miúda, moita fartura' a catro localidades diferentes. O venres 6 de maio estarán en Boiro, na Casa da Cultura, ás 19:00 horas. O sábado 7 pasarán a tarde en Ordes, tamén ás 19:00 horas e na Casa da Cultura. E o domingo 8 entrega dobre: ás 12:00 haberá concerto no Auditorio Municipal de Caldas de Reis e ás 18:00 horas a actuación será no concello de Val do Dubra, na Casa da Cultura de Bembibre.

O calendario de propostas e toda a información sobre a quinta edición do programa está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes 2016'

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da RDL.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-04-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES