Notas de prensa

Gábase a figura de Manuel María polo seu compromiso absoluto coa cultura, coa sociedade e co idioma de Galicia

A Xunta e a fundación que custodia o legado do poeta ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas colaboran en diversas actividades co fin de poñer en valor a súa figura e estudar e divulgar a súa obra. O conselleiro de Cultura avanzou a posta en marcha dun conxunto de iniciativas para renderlle tributo ao autor chairego, que complementarán as previstas pola Fundación Manuel María.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, gabou a figura de Manuel María -a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas- porque, máis aló da súa calidade literaria e da súa prolífica obra poética, “foi un home comprometido coa cultura, coa sociedade e co idioma dun xeito absoluto”. O conselleiro fixo esta loa na terra natal do poeta, en Outeiro de Rei, onde asinou un convenio coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos, nun acto ao que tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O acordo entre as partes servirá para colaborar na actualización do pensamento e da memoria do autor chairego, así como na divulgación da súa obra. Ao abeiro deste documento, a Consellería achegará un total de 22 000 euros para levar a cabo actividades de carácter cultural e de normalización e dinamización lingüística, así como para elaborar material divulgativo sobre a súa Casa-Museo e a súa obra literaria.

Precisamente, o conselleiro subliñou a vontade de normalización lingüística desde a vangarda histórica de Manuel María, a quen definiu como “poeta popular e do pobo e home con firmes conviccións cívicas”. O responsable de Cultura do Goberno galego lembrou tamén que Manuel María foi o primeiro autor novo en publicar en galego tras a Guerra Civil, que foi un dos precursores da poesía infantil no franquismo e un dos autores máis musicados das nosas letras, polo que dedicarlle o Día das Letras Galegas é un acto de “xustiza de recoñecemento” a un dos grandes autores galegos de todos os tempos.

Actividades promovidas en colaboración coa fundación

Segundo o convenio asinado hoxe, a Fundación Manuel María encargarase de organizar as actividades de carácter cultural destinadas a divulgar a obra literaria e o perfil humano do escritor por medio de conferencias, recitais poéticos e mesas redondas, entre outras. Tamén elaborará o material divulgativo e promocional da súa Casa Museo en Outeiro de Rei, onde actualmente se deposita o legado do escritor, e o material para dar a coñecer a súa obra literaria.

A programación completarase con outras actividades dinamización do uso da lingua tales como representacións teatrais e musicais. Neste caso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística facilitará, se for preciso, o apoio e asesoramento técnico en relación con aspectos lingüísticos e terminolóxicos.
Mercé a esta colaboración, os estudosos e investigadores da obra de Manuel María poderán acceder, de balde, aos fondos documentais da fundación que leva o seu nome.

Programación complementaria da Xunta de Galicia

Doutra banda, o conselleiro avanzou que a Xunta -a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura- poñerá en marcha unha programación especial para renderlle tributo ao autor das Letras deste ano. No marco desta conmemoración, a partir do próximo mes de maio, estase coordinando tamén coa fundación o deseño e posta en marcha da exposición itinerante “Manuel María. Beleza, amor e compromiso” que percorrerá 13 localidades de Galicia desde o mes de maio. A programación das Letras Galegas 2016 da Xunta contempla tamén outras iniciativas arredor do 17 de maio como a III Carreira “Camiño das Letras” prevista para o vindeiro 15 na capital de Galicia.

Así mesmo, no web www.lingua.gal xa está dispoñible un repositorio con recursos e materias didácticos e dixitais sobre o autor homenaxeado que se irán completando de xeito paulatino e que se suman a outras actividades programadas na Rede de Dinamización Lingüística ou na Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta, entre moitas outras que se darán a coñecer de xeito pormenorizado.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-04-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES